top of page

Forno pídelle a Crespo "menos confrontación e máis diálogo para conseguir o uso do vello ambulatorio"

A socialista lalinense lembra que os pasos son dous: que a Xunta devolva o edificio á Seguridade Social e que o Concello solicite en Pleno a adscrición


Ecos da Comarca/Lalín

A voceira municipal dos socialistas de Lalín, Alba Forno, insta ao alcalde, José Crespo, a abandonar a confrontación estéril e a traballar de forma seria e eficaz para conseguir canto antes o uso do vello centro de saúde. "Menos marear a perdiz, menos liorta inútil e máis diálogo e xestión", reclama Forno, recordando que o proceso para lograr o edificio é claro e sinxelo, pero require vontade política real.


Forno explica que os pasos para conseguir o vello centro de saúde son dous e perfectamente delimitados. O primeiro, que a Xunta faga o seu traballo e lle devolva o edificio á Tesourería Xeral da Seguridade Social, pero en condicións estruturais óptimas que garantan a súa seguridade. "Os lalinenses non teñen culpa do abandono do PP, que permitiu que o centro de saúde se deteriorase ata o punto de ser cualificado polo propio Crespo como unha ‘semirruína’", denunciou. "O goberno autonómico tiña a obriga demanter en condicións dignas as instalacións, pero a súa deixadez acabou afectando a toda a veciñanza, que durante anos recibiu atención sanitaria nun edificio en estado lamentable".

Alba Fonro ás portas do vello centro de saúde.
Alba Fonro ás portas do vello centro de saúde.

O segundo paso, unha vez que a Xunta cumpra coa súa responsabilidade, é, segundo indica a edil, que o Concello solicite a adscrición do inmoble. "Basta con presentar unha memoria do uso que se lle vai dar e aprobar esta memoria no pleno municipal", subliña Forno, advertindo de que "por máis voltas que lle dea o alcalde, a única vía rápida e eficaz para os intereses de Lalín é esta". Outros concellos, como Nigrán, "xa conseguiron a adscrición dos seus antigos centros de saúde por 50 anos prorrogables, sen grandes enredos políticos nin espectáculos mediáticos".


Os socialistas critican que Crespo estea "máis preocupado por buscar protagonismo e discutir que por traballar de verdade para que Lalín dispoña do vello ambulatorio". "O que non pode ser é que o alcalde prefira presentar ocorrencias que acabarán en papel mollado no Senado, en vez de facer o que verdadeiramente importa: esixirlle á Xunta que devolva o edificio en condicións e solicitar a adscripción".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A secretaria xeral do PSOE de Lalín tamén recorda que os socialistas xa solicitaron hai dous anos o inicio dos trámites para recuperar o vello centro de saúde, anticipándose ás

dificultades burocráticas que estes procesos adoitan implicar. "Crespo rexeitou a proposta con desprezo, chegando a insultarnos e a cualificala de ‘chiste’. Asegurou que non se podía facer, e agora resulta que tiñamos razón. Dous anos perdidos polo seu empeño en confrontar en vez de dialogar", lamentan.


Os socialistas de Lalín seguen esperando desculpas por aqueles ataques inxustificados, pero, sobre todo, esperan que Crespo "rectifique e comece a traballar con seriedade". "Os lalinenses non merecen máis demoras nin máis liortas inútiles. O que merecen é que o seu alcalde faga o que ten que facer: poñerse a traballar e conseguir o vello centro de saúde canto antes", conclue Forno.




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page