Forno: “Os descontos da AP-53 son unha inxección de xustiza para traballadores e familias de Lalín”
- ecosdacomarca
- 9 abr
- 2 Min. de lectura
A secretaria xeral do PSOE de Lalín celebra a inminente activación destes descontos
Ecos da Comarca/Lalín
A secretaria xeral do PSOE de Lalín, Alba Forno, celebrou onte a inminente activación dos descontos na AP-53 como “unha das mellores novas para a veciñanza de Lalín nos últimos tempos”. A socialista incidiu en que “esta medida histórica só é posible grazas a que temos un goberno socialista que cumpre con Galicia coma non fixera ningún outro”. A rebaixa do custe da peaxe, impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez, supón, segundo Forno, “non só un importante aforro económico para moitas familias, senón unha auténtica inxección de xustiza para milleiros de traballadores e traballadoras de Lalín e da comarca”.

“Foron anos nos que moitos lalinenses deixaban parte dos seus ingresos nos desprazamentos a Santiago por motivos médicos ou laborais, grazas á herdanza do Partido Popular, que nos impuxo unha das peaxes máis caras de España. Hoxe, grazas ao compromiso do Goberno socialista, iso comeza a cambiar. Para moitas familias será un importante aforro e para moita xente que se despraza por traballo, estes descontos van
supor unha especie de subida de soldo indirecta”, explicou Forno.
Publicidade
Ademais, Forno criticou a actitude do alcalde de Lalín, José Crespo, a quen acusou de “non mover un dedo pola rebaixa da autoestrada cando gobernaba Rajoy e era senador, e limitarse a electoralizar este asunto cando lle convén”. A concelleira afeoulle “estar máis pendente da confrontación constante e da difusión de bulos que de atender os problemas reais daveciñanza”. “Mentres a cidadanía celebra medidas que lles melloran a vida, como esta rebaixa da AP-53, Crespo prefire crear ruído. Por sorte, temos un Goberno central que si pensa na xente, que fai políticas útiles para as persoas”, concluíu.
Comentarios