Forno denuncia o "abandono á atención pediátrica en Lalín e esixe a dotación de persoal e medios no CIS"
- ecosdacomarca
- 6 nov 2024
- 2 Min. de lectura
Asegura que hai esperas de máis de 10 días para o pediatra ou o médico de cabeceira
Ecos da Comarca/Lalín
A secretaria xeral dos socialistas de Lalín, Alba Forno, manifesta a súa profunda preocupación "ante a alarmante situación da atención pediátrica no noso municipio que quedará en mans dun único facultativo durante un período indeterminado". Considera que este abandono por parte do Sergas “é inadmisible e afecta gravemente as familias que dependen dun servizo sanitario esencial para os seus fillos e fillas”.

Para a concelleira “é inaceptable” que un municipio como Lalín, cunha importante poboación estea a ver como se limitan os servizos de pediatría, obrigando ás familias a acudir á sanidade privada ou a desprazarse a outras localidades para recibir a atención médica que debería ser garantida no seu propio centro de saúde. “Isto supón unha falta de compromiso absoluto coa saúde dos máis novos e unha proba evidente de que perdura a desatención da Xunta a Lalín en materia sanitaria poucos días despois da inauguración do CIS”.
Neste sentido, esixiu que o novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, unha infraestrutura que representa un investimento público moi importante e que debía mellorar a atención sanitaria, sexa dotado co persoal e os recursos humanos e materiais necesarios para cumprir co seu propósito. “Non é suficiente construír infraestruturas sen garantir os servizos e o persoal que fagan deste centro un verdadeiro piar da atención sanitaria na comarca. Estamos vendo como o novo CIS no é máis ca unha casca de noz, pero sen a noz dentro, pois non ten nada novo con respecto ao vello ambulatorio e a xente séguese vendo na obrigada de acudir a Santiago para probas sinxelas como radiografías”, remarca.
Publicidade
Forno considera inadmisible que siga habendo listas de espera de 10 días para o médico de cabeceira ou para levar aos nenos e nenas ao pediatra. “Isto prodúcese a día de hoxe no CIS pola desatención sistemática do PP á sanidade e non o podemos normalizar”, subliña, ao tempo que reclama ao goberno local “que se poña mans á obra e que esixa a cobertura de facultativos e de recursos necesarios para ofrecerlle á cidadanía de Lalín unha atención sanitaria digna”.
Comments