Forno critica que o CIS se poñen marcha "sen cumprir os compromisos sanitarios en materia de persoal e servizos"
- ecosdacomarca
- 10 oct 2024
- 2 Min. de lectura
A voceira socialista de Lalín sinala que “vai abrir sen contar cunha ferramenta diagnóstica que levamos reclamando desde hai moito tempo como é o TAC”
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal dos socialistas de Lalín, Alba Forno, lamentou este mércores que o Centro Integral de Saúde (CIS) que se inaugura hoxe, xoves, “vaia poñerse en marcha sen que se cumpran nel os compromisos relativos a que conte con todos os recursos e servizos necesarios que precisa Lalín en materia sanitaria”. Lembrou que “non se sabe nada das especialidades que supostamente vai ter, tampouco se prevé polo momento ningunha incorporación nova de profesionais e vai abrir sen contar cunha ferramenta diagnóstica que levamos reclamando desde hai moito tempo, como é o TAC”.

Con respecto a este servizo, a voceira socialista alertou de que “para incorporar un TAC precísase construír un espazo de protecciónradiolóxica especial, é dicir, fai falla acometer unha obra importante que a Xunta non fixo e que fai prever que, se finalmente chega este equipo, farao moi tarde”. Nesta liña indicou que o goberno de Rueda desperdiciou plans como o Inveat ou o Minap do Ministerio de Sanidade mediante o que xa se podería ter incorporado o TAC ao CIS.
Subliñou tamén que “foi o Goberno de Pedro Sánchez quen garantiu o CIS transferíndolle o 100% dos fondos europeos á Xunta para a súa construción” e incidiu en que “a cidadanía reclama respostas, quere saber cales van ser os novos equipamentos, cales son os prazos para a posta en marcha das especialidades, etc”. “Non imos permitir que a apertura do CIS quede só nun traslado físico do vello ambulatorio a un novo edificio”, engadiu.
Publicidade
Doutra banda, a secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Lalín informou de que “os socialistas estaremos no acto de apertura dun centro sanitario que xa reclamabamos hai 15 anos, mentres PP e BNG falaban dun hospital comarcal”. “Pensamos que temos que estar, pois aínda que vai abrir sen ter todo o que reclamamos, mañá (por hoxe) é un día importante para a xente de Lalín”.
Por último, Alba Forno indicou que “como xa denunciamos no Pleno de agosto, prevemos importantes problemas circulatorios nas inmediacións do CIS, ante a falla de prazas de aparcamento pola mala planificación da infraestrutura, os deficientes accesos e a gran afluencia de vehículos privados, xa que case ninguén optará por desprazarse a pé”. Nesta liña valorou a proposta socialista de impulsar un medio de transporte público que conecte o CIS e outros puntos de referencia de Lalín e que foi rexeitada rotundamente polo PP.
Comments