Forno critica ó PP por presentar os campamentos a menos de dúas semanas do remate do curso
- ecosdacomarca

- 8 jun 2025
- 2 min de lectura
A socialista lalinense: “Chegan tarde e mal. Esta falta de planificación complica a vida das familias e demostra que a conciliación non é unha prioridade para o PP”
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín critica "a improvisación do goberno do PP, que vén de publicar a oferta de campamentos municipais de verán cando apenas quedan dúas semanas para o remate do curso escolar". A voceira socialista, Alba Forno, califica de “intolerable” que o Concello anuncie esta programación "con tanto retraso, obrigando ás familias a improvisar ou mesmo a buscar alternativas privadas ou noutros concellos por falta de información e previsión. A planificación chega tarde e mal. Moitos pais e nais xa tiveron que buscar solucións pola súa conta porque o Concello non fixo o seu traballo a tempo”, denuncia.
Desde o grupo socialista lembran que xa advertiran desta situación no último pleno, e critican a pasividade do executivo de Crespo. “É unha mostra máis de que a conciliación non é, en absoluto, unha prioridade para o Partido Popular, malia o que proclamen”, sinalou Forno. “Un goberno que de verdade aposta pola conciliación planifica con tempo, informa con antelación e ofrece actividades variadas para que as familias poidan organizarse”.

O PSOE de Lalín denuncia tamén a contradición coa actitude do PP en 2023, ano electoral, cando a programación dos campamentos foi publicada en maio e mesmo distribuíndo folletos informativos polas casas. “Parece que só se preocupan polos nenos e nenas cando toca pedir o voto. Fóra de campaña, desaparece o interese”, afirma Forno.
A voceira socialista esixe ao goberno local que actúe con responsabilidade e publique con antelación suficiente este tipo de programacións. “Lalín é un concello que debería facilitar a vida das familias, apoiar a crianza e promover a natalidade. Pero neste tema, como noutros moitos, o PP mira cara outro lado”, afirmou. “Non se pode improvisar unha programación de conciliación a última hora como se fose algo accesorio”.
Publicidade
Forno engadiu que o grave problema de natalidade que arrastra Lalín non se resolve entregando cestas de puericultura. “As políticas serias para fomentar a natalidade pasan por facilitar a conciliación real, garantir o acceso á vivenda e crear oportunidades de emprego. E estas son precisamente as grandes carencias de Lalín nestes momentos”, concluíu.
Ademais, o PSOE denuncia que o goberno do PP perdeu nos últimos anos "máis de 400.000 euros do Plan Corresponsables —fondos estatais transferidos pola Xunta para medidas de conciliación e igualdade— por non presentar proxectos nin executar as partidas". “É un escándalo sen precedentes”, afirmou Alba Forno. “Estamos a falar de recursos pensados para apoiar as familias e mellorar a conciliación, e que se deixaron perder pola incompetencia e desinterese do goberno local”.







Comentarios