top of page

Forno celebra que "o PP faga súa a proposta socialista de destinar o vello centro de saúde de Lalín a fins sociais"

Acusa a Crespo de atrasar moitos meses uns trámites para a reversión do vello centro de saúde “que xa podían estar avanzados se non fose polos delirios anti-PSOE do alcalde”


Ecos da Comarca/Lalín

A voceira municipal do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, celebra que o alcalde deste municipio, José Crespo, e o Partido Popular “abracen e se sumen á proposta realizada polos socialistas de Lalín para iniciar os trámites que permitan destinar o vello centro de saúde a iniciativas de conciliación e outros fins sociais”. Lembrou que esta medida foi presentada polo PSdeG-PSOE local como proposta do programa electoral “co que nos presentamos ás eleccións de 2023 e levada tamén ao pleno de marzo dese mesmo ano, onde Crespo a rexeitou rotundamente chegando a cualificar como “chiste” un proxecto que agora quere atribuírse”.

Con todo, Alba Forno mostra a súa satisfacción “por demostrarse que o tempo nos deu a razón e que o equivocado era Crespo cando negaba a posibilidade de que o Ministerio cedese ao Concello os terreos do ambulatorio vello”. Sostén que o rexedor vota sistematicamente en contra das propostas socialistas “pola inquina obsesiva que ten contra este partido sen importarlle que sexan positivas para os lalinenses”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres saber máis deste evento.

A voceira socialista sinala que a moción que agora presenta o PP “é practicamente unha copia da que nós presentamos hai xa máis dun ano”, polo que acusa a Crespo de atrasar moitos meses uns trámites para a reversión do vello centro de saúde “que xa podían estar avanzados se non fose polos delirios anti-PSOE do alcalde”.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

“O alcalde é tan incoherente que non lle importa xogar copas e á xogada seguinte dicir que xogou bastos”, sinala Forno, insistindo en que “cando nós propuxemos que se cedese o ambulatorio para fins sociais era un “chiste” duns indocumentados que facían o ridículo, pero agora ten a desfachatez de arrogarse a iniciativa”. “Vemos que o indocumentado era Crespo e os seus concelleiros, polo que o mínimo que pode facer por pura dignidade política e respecto aos cidadáns é pedirnos desculpas públicas”, indicou.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page