top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Forno apunta "á responsabilidade directa de Crespo nos empadronamentos irregulares"

A socialista lalinense esíxelle que "deixe de botar balóns fóra"


Ecos da Comarca/Lalín

A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, apuntou este mércores á responsabilidade directa do alcalde, José Crespo, sobre o “caso padrón” e esixiulle que deixe de “botar balóns fóra”, cando todo apunta a que se produciron importantes irregularidades nun departamento cuxo mantemento, revisión e custodia corresponde ao Concello e, polo tanto, dirixe o alcalde como máximo responsable.

Forno explica que pedirlle a Estranxeiría que solucione “un problema” que Crespo “agora recoñece, pero non chega a identificar” é “unha barbaridade”, porque “este organismo ocúpase unicamente de cuestións puramente administrativas destinadas a persoas estranxeiras como é tramitar permisos temporais de residencia, de traballo, ou de estudos, pero non regulariza a ninguén de oficio nin empadroa a ninguén”. “Tampouco ten ningunha responsabilidade a Subdelegación”, engade, “que o único que pode facer é tramitar expedientes conforme á Lei de Estranxeiría se, por exemplo, un estranxeiro comete un delito que carrexe unha condena superior a un ano de cárcere, pero nada ten que ver coa chegada de estranxeiros a ningún concello e menos co seu empadroamento irregular”.


Así, insiste en que o alcalde “ten que deixar de evadir responsabilidades” e sinala que “as

situacións de tráfico de persoas adoitan producirse cando se dan máximas facilidades para o empadroamento”. “¿Por que acontece isto en Lalín e por que temos movementos tan sospeitosos no padrón, como a baixada nun só decreto de alcaldía de 108 persoas sobre o que pedimos explicacións en xaneiro dando o PP unha nerviosa calada por resposta?”, pregúntase Forno.


Publicidade

Preme na imaxe para contactar con nós.

Doutra banda, a secretaria xeral dos socialistas advirte de que a Policía Local ten a responsabilidade e a obriga de comprobar se as persoas empadroadas nun determinado concello residen realmente no domicilio notificado “pero observamos que isto non se fixo”. Así, Alba Forno aproveitou para indicar que “o que deben facer os veciños e veciñas que teñan coñecemento de que hai persoas descoñecidas empadroadas de xeito irregular nos seus domicilios ou noutras propiedades é denunciar a situación ante a Garda Civil”. “Agardamos as explicacións de Crespo a cerca do que está a acontecer, cales son os problemas aos que se enfronta o noso concello, que son esas “cousas que de motu propio que non faría pero que se ve na obriga de facer polo Goberno do Estado”, e dende logo reclamámoslle que sexa transparente”, sostén.


Finalmente, Forno lamenta que non se convidase ao Partido Socialista á reunión celebrada este martes con colectivos sociais, indicando que “non lle interesa contar con nós porque denunciamos e poñemos enriba da mesa os problemas que sofre a nosa veciñanza, ben sexan do agrado do alcalde ou non”. “Crespo demostra unha falta absoluta de respecto á democracia e actúa con opacidade nun tema que está a confundir e alarmar á sociedade lalinense”. “Preocúpanos a falla de diálogo coa oposición, preocúpanos o deterioro da convivencia na nosa vila, queremos ser construtivos e responsables, non queremos contribuír a crear alarma social, pero vemos que o PP non está á altura”, conclúe.

0 comentarios

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page