Laura Moure/Arzúa
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou na edición número 47 da Festa do Queixo de Arzúa a "calidade e a excelencia dos produtos locais, que traspasan fronteiras, como o queixo de Arzúa, o mellor queixo do mundo". Formoso sinalou que un dos tesouros gastronómicos da provincia e de toda Galicia é, "indubidablemente", o queixo con Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, "o máis producido e consumido no noso país", indicou.

Este produto conta desde o 1989 coa categoría de Produto Galego de Calidade e nestes días puido ser degustado polas persoas que se achegaron ata o evento, que contou co patrocinio da Deputación. O presidente provincial tamén fixo fincapé na capacidade dun acto coma este, "que retoma o pulso cando tras as limitacións da penademia e naceu co obxectivo de promocionar a gastronomía", para converterse en dinamizador cultural e educativo de referencia autonómica.
"Para nós é moi importante apoiar eventos como a Festa do Queixo, que nos permiten presentar a provincia a nivel nacional e internacional. Un encontro que ten un especial significado para os arzuáns e arzuás, e que é unha celebración para todos os galegos e galegas e que cada ano atrae a visita de miles de persoas", afirmou Formoso.
O presidente provincial tamén aproveitou a ocasión para "agradecer a todos os produtores e produtoras de queixo e ao resto de persoas que fan posible que desde o 1976 se faga esta festa" e que "mesturan a tradición e a innovación" para facer un "produto único".
Comments