“Esta liña de Alta Tensión ameaza a varias vivendas nas parroquias de Arnego, Loño e Portodemouros con distancias inferiores aos 80 metros”, subliña o BNG
Ecos da Comarca/Deza
A RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, somete a información pública o estudo de impacto ambiental, ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, á declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación do proxecto de solución de evacuación do parque eólico Serra do Farelo, nos concellos de Agolada e Vila de Cruces de Pontevedra (IN408A 2020/177). DOG número 214, do 6 de Novembro de 2024. "Non se teñen en conta nin se avalían os graves prexuízos que pode supoñer a LAT 132 kV PE Monte Farelo-subestación colectora Agoar 400/132 kV para o benestar, a saúde e a calidade de vida da veciñanza, con distancias ás casas moi inferiores ás permitidas, como no caso de Outeiro en Arnego, Eirexe ou Reboredo. Non se garante a non afección a acuíferos e á calidade das masas de auga tanto superficiais como soterradas", lamenta o BNG de Vila de Cruces.
A instalación desta LAT, explica, "supón un impacto paisaxístico severo nas poboacións da contorna, na área da Rede Natura 2000 “Sobreiral do Arnego”, ou mesmo causando un forte impacto visual con respecto a bens patrimoniais. Esta LAT 132KV está indisolublemente ligada á suspensión cautelar do P.E. Monte Farelo e tamén á suspensión do PE Zamorra cuxa enerxía teñen que evacuar por esta infraestrutura. Pode ser executada causando unha grave afección á poboación, ao monte e á RN 2000,sen utilidade práctica algunha e no seu día, amparar unha probable reclamación da mercantil eléctrica á Xunta polas obras executadas con licenza, como xa está pasando noutros PE". Ademais indica que “esta liña de Alta Tensión ameaza a varias vivendas nas parroquias de Arnego, Loño e Portodemouros con distancias inferiores aos 80 metros”.
Publicidade
O BNG de Vila de Cruces presentará hoxe, venres 29 de novembro, unha moción onde
o voceiro municipal do Bloque, Álex Fiuza, insta ao Goberno Municipal a poñer a disposición da veciñanza afectada por este proxecto, un punto de información no concello con persoal para asesoramento técnico (xurídico, urbanístico e medioambiental). Solicita tamén, ao Goberno de Vila de Cruces, a elaboración das alegacións pertinentes ao estudo de impacto ambiental, ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, á declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación do proxecto de solución de evacuación do parque eólico Serra do Farelo, nos concellos de
Agolada e Vila de Cruces de Pontevedra (IN408A 2020/177).
Comments