Finaliza con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación de 32 presas galegas
- ecosdacomarca
- 22 jun 2022
- 1 Min. de lectura
O obxectivo é que a veciñanza recoñeza o sinal acústico en caso de emerxencia
Ecos da Comarca/Xeral

A Xunta de Galicia rematou hoxe con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación dun total de 32 presas galegas. A primeira sinal activouse onte ás 09,00 horas na presa de Salas, en Muíños e foi repetíndose en distintas presas, rematando hoxe as probas.
En total, soaron sirenas situadas por todo o territorio, adscritas ás presas de Salas, As Conchas, Frieira, Castrelo, Albarellos, Os Peares, Vilagudín, San Cosmade, Portodemouros, Brandariz, Belesar, Chandrexa, Guístolas, Santa Eulalia, Santo Estevo, San Pedro, San Martín, Montefurado, Sequeiros, Casoio, Pumares, Cenza, As Portas, O Bao, Prada, Peñarrubia, San Sebastián, Touro, Río Covo, Baíña, Caldas de Reis e O Con.
En Galicia, actualmente hai 45 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalacións, e deste xeito garantir a seguridade dos cidadáns do entorno.
Aposta pola prevención
A Xunta subliña a importancia que teñen este tipo de exercicios na mellora da coordinación efectiva entre as administracións e as empresas, así como para garantir a seguridade na zona, e manter á poboación preparada para o caso de materializarse a situación de emerxencia.
Comentarios