top of page

Ferrados de Vida reunirá o día 31 nos Pendellos de Agolada a expertos e produtoras de todo o país

A Plataforma Ulloa Viva organiza esta xornada de posta en valor do tecido produtor para dar visibilidade á nosa cultura gastronómica


Laura Moure/Agolada

O colectivo Agolada Viva da Plataforma Ulloa Viva organiza para o vindeiro 31 de agosto a primeira edición da xornada “Ferrados de Vida”, un evento coa participación de expertos en diversos eidos e produtoras de toda Galicia que compartirán co público no recinto de Os Pendellos de Agolada a experiencia, sabedoría e o seu bo facer dentro do sector primario e transformador, poñendo en valor a importancia e o potencial que o sector produtor galego ten, fronte a proxectos coma o da macrocelulosa de Altri, que de poñerse en marcha acabaría con toda a produción de alimentos de calidade, tanto da Terra do Medio coma da Ría de Arousa.

Será unha xornada multidisciplinar, interactiva, interxeneracional, didáctica e lúdica na que compartirán espazo as mesas redondas de expertos arredor de nutrición, medio ambiente e sistemas produtivos, gastronomía e historia da alimentación en Galicia; a música e a danza, os espazos de exposición e venda de productos, as degustacións e a alta cociña galega en base ás materias primas do país, obradoiros e actividades infantís, e a experiencia dos “mestres de vida” que aportarán a sabedoría tradicional e o bo facer que ten convertido aos sectores primarios galegos nunha marca e garantía de calidade e sostibilidade.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Esta xornada sobre o rural sostible analizará con expertos en tres mesas redondas ao longo do día cuestións coma a dieta atlántica, a historia da alimentación en Galicia, o sistema agrario tradicional coma base da nosa alimentación ou a importancia das brásicas na gastronomía do país. Nutricionistas e médicos tamén porán en valor a importancia da alimentación en contacto coa natureza e a indispensable relación da dieta coa saúde e o

medio ambiente. Tamén haberá representación das produtoras de cosmética natural que

están a comercializar e elaborar produtos neste eido de xeito sostible.


O doutor en Bioloxía e presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra (APDR),

Antón Masa; o catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Simón, o catedrático de

Historia e escritor Xavier Castro ou a bióloga e membro do CSIC Pilar Soengas, serán algúns dos integrantes das tres mesas divulgativas nas que “Ferrados de Vida” tratará de

xeito transversal o pasado, o presente e o futuro da produción do sector primario e transformador galego, tanto no agro coma no mar. Participará tamén na xornada Roxelio

Santos Queiruga, mariñeiro, patrón de pesca e divulgador do mar.


Gastronomía e degustacións

“Ferrados de Vida” terá un importante espazo para a posta en valor dos nosos produtos a través de representantes da cociña do país, que cociñarán as materias primas dos

produtores presentes na feira para que o público valore a súa calidade degustando pratos

elaborados por cociñeiros galegos cos nosos produtos de calidade. O chef Álex Iglesias, da tapería Dúas Liñas de Arzúa; Gerson Iglesias, chef do Restaurante Erva e presidente da

asociación Cociña Ourense; Pedro Lalo tamén chef de Cociña Ourense e Alberto Rodríguez, presidente da Asociación Reposteira Tradicional de Melide e propietario da

Pastelería Estilo, farán as delicias do público asistente coas súas elaboracións.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Neste apartado de “Ferrados de Vida” desenvolveráse un espazo interactivo entre os chefs, nutricionistas e produtores. No espazo dos Pendellos haberá ademáis expositores para a promoción e venda destes produtos chegados a Agolada dende todo o país. Agolada Viva ten convidado a participar nesta xornada a máis dun cento de produtores, que amosarán o seu bo facer dentro do sector primario e transformador e participarán tamén en actividades divulgativas e coa venda dos seus produtos.


Tamén os nenos e nenas terán o seu propio espazo en “Ferrados de Vida”, cun obradoiro

práctico no que participarán nutricionistas expertos no deseño de menús infantís en escolas de todo o país. Durante a actividade, “Nutricoles” ensinarán aos participantes a facer “ensaladas tolas”, dun xeito divulgativo e práctico para que as crianzas aprendan a cociñar os seus propios pratos saudables con produtos sostibles do país.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page