Por segundo ano consecutivo a entidade promove un evento dirixido aos profesionais que traballan coas persoas afectadas por esta lacra
Laura Moure/Xeral
O ano pasado, a Federación Pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) organizou as I Xornadas Xurídicas VIOGEN FEMUPO. Este evento, que se levou a cabo en formato telemático por mor da crise pandémica da Covid 19, tivo unha excepcional acollida, tanto por parte dos/as relatoras/es como daquelas persoas que participaron como asistentes (máis de 70), na súa maioría profesionais que traballan en primeira liña con vítimas de violencia de xénero.
Tendo en conta tan satisfactoria resposta, este ano Femupo organiza unha segunda edición das Xornadas Xurídicas VIOGEN FEMUPO. Nesta ocasión centrándose nas idades máis temperás e, especialmente, na adolescencia dado o aumento de casos detectados entre os máis mozos. O obxectivo destas xornadas é a formación especializada e actualizada dos/as profesionais que traballan contra a violencia machista.
As sesións desenvolveranse a través da aplicación Zoom todos os xoves do mes de xuño a partires das 17:30 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través deste formulario https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScddRWoCJy0D0l44rk3ylFo-_Ry-FgdpEtOnXsd3Zj5LLHfhw/viewform?vc=0&c=0&w=1&flr=0 O prazo de inscrición remata o 1 de xuño.
Nesta segunda edición das Xornadas Xurídicas VIOGEN FEMUPO participarán axentes sociais, xuíces/as, fiscais, avogados/as e representantes da Secretaría Xeral de Igualdade e da Subdelegación de Goberno que, desde as súas diferentes áreas de especialidade, abordarán a violencia de xénero centrándose no aumento entre a xuventude o que fai necesario o traballo conxunto de todos/as os/as implicados/as na loita contra este tipo de violencia para acadar súa desaparición.
Comments