top of page

Feijóo aborda co alcalde de Lalín asuntos como o centro integral de saúde ou a 4ª fase do polígono

O goberno galego investirá 620.500 euros para levar a cabo melloras en tres centros educativos do municipio


Laura Moure/Lalín

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou co alcalde de Lalín, José Crespo, os asuntos de maior interese para o seu municipio como o centro integral de saúde, cuxas obras está previsto rematen a finais de 2022, ou o desenvolvemento da 4ª fase do polígono de Lalín 2000.

Sobre este último punto, Feijóo trasladoulle ao rexedor que a Xunta xa ten redactados os proxectos de expropiación e de urbanización para avanzar na ampliación deste parque empresarial en canto o Concello aprobe o Plan de sectorización, e co obxectivo de iniciar as obras de urbanización en 2022.


No eido das infraestruturas educativas, o goberno galego investirá 620.500 euros para levar a cabo melloras en tres centros educativos. No caso do CEIP Vicente Arias de la Maza consistirán na substitución da cuberta e carpinterías, no CEIP Varela Buxán procederase a substitución da cuberta, das carpinterías e da cuberta do pavillón. E, no IES Laxeiro cambiaranse as luminarias, a escaleira de evacuación e levarase a cabo a mellora do peche e do pavimento do patio.


Xa no ámbito da mobilidade, o titular da Xunta informou ao alcalde de Lalín de que a Administración galega xa lle remitiu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o estudo que estima en 3,2 millóns de euros o impacto que suporía aplicar na autoestrada AG-53 as bonificacións existentes na AP-9.


Por outra banda, no que atinxe as diferentes actuacións en materia da augas, Feijóo confirmou que xa están redactados tanto o Plan director de saneamento do núcleo urbano de Lalín como o estudo de viabilidade dunha captación no río Deza para a mellora do sistema de abastecemento.


Finalmente, con respecto á unificación de todos os servizos de medio rural nun único edificio, o presidente da Xunta confirmoulle ao alcalde que se está realizando a adaptación do anterior proxecto arquitectónico, que estará lista no mes de marzo e permitirá coñecer o investimento necesario. En canto aos prazos previstos, Feijóo sinalou que, de adxudicarse as obras no mes de setembro, estas poderían iniciarse en outubro e rematarse a finais de 2023.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page