Farruco será nomeado Valedor da Empanada este sábado, 24 de agosto na Bandeira
- Laura Moure
- 20 ago 2024
- 2 Min. de lectura
Amigos da Empanada homenaxerá ao humorista galego no acto oficial da Festa da Empanada, recibido a distinción honorífica xunto á artesá Elena Ferro
Laura Moure/Silleda
A Asociación Amigos da Empanada de Bandeira (Silleda) anunciou que o actor e humorista galego Xosé Luis Bernal, máis coñecido como Farruco, será galardoado co título de Valedor da Empanada da Bandeira o sábado 24 de agosto, coincidindo coa celebración do concurso gastronómico da Festa da Empanada. Esta distinción honorífica é o máximo título que concede a entidade sen ánimo de lucro a referentes do mundo da comunicación, gastronomía, ciencias, cultura, deporte, entre outros; en homenaxe á súa brillante traxectoria. Recibirá esta distinción xunto á zoqueira de Merza (Vila de Cruces) Elena Ferro.

Os Valedores e Valedoras da Empanada adquiren o compromiso de defender á empanada galega en xeral e a Festa da Empanada da Bandeira en particular, alá onde vaian, converténdose en embaixadores dun dos produtos máis significativos da gastronomía galega.
No ano 2023, foron premiadas Lucía Veiga, Ana Pardo de Vera, María Lama ou Lucía Freitas. Agora será a quenda dun vello coñecido para a Festa da Empanada, pregoeiro no ano 1988 e habitual da cita gastronómica, Xosé Luis Bernal volverá a subirse ao escenario na carballeira da Empanada. Andrés Seoane, presidente de Amigos da Empanada, destacou a “honra que supón para A Bandeira, contar de novo coa presenza dun sabio e talentoso amigo da empanada, e máis coincidindo co cincuenta aniversario”. Neste mesmo acto, a coñecida zoqueira Elena Ferro tamén recibirá o título de Valedora.
Publicidade
Xosé Luís Bernal López, coñecido polo seu alcume Farruco, naceu en Santiago de Compostela no 1942. De mozo, traballou na ferraxaría dos seus pais en Santiago con escapadas a feiras e festas para facer actuacións. Dedicouse a facer actuacións e monólogos humorísticos en galego. Algúns deles foron gravados e vendidos en cintas de casete,o que lle deu grande sona.
Publicidade
Realizou aparicións humorísticas na Televisión de Galicia case dende o nacemento da canle, en programas como Arestora. Como actor, participou en filmes como Eu, o tolo, Divinas palabras, Entre bateas, Sei quen es, A vida que che espera, Os fenómenos ou Quen a ferro mata. Apareceu tamén en series de televisión como a adaptación da novela de Camilo José Cela Del Miño al Bidasoa, producida en 1990 por Televisión Española, ou Terra de Miranda, produción galega na que interpretou un dos papeis principais. Colaborou ademais en diversas emisoras de radio como a Cadena SER, COPE, Onda Cero ou a Radio Galega. En 2020 publicou Eles e mais eu. Compostelaneando, un libro no que recolle historias sobre algúns cidadáns santiagueses como as dúas Marías, Zapatones, Quiroga Palacios, Maximino Castiñeiras ou Luís Mariño. Recentemente, no 2024, publicou o libro Cousas de Farruco.
Comments