Falece un motorista tras colisionar contra un camión en Lalín
- ecosdacomarca

- 6 may 2023
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Lalín

AXEGA informa dun accidente mortal en Lalín. O 112 Galicia foi alertado ás 9:30 horas deste sábado. O falecido é un home de nacionalidade francesa que forma parte dun dos equipos que participan esta fin de semana no Enduro que se disputa na capital de Deza.
"Tras colidir unha moto e un camión que circulaban pola N-525 ao seu paso por Donramiro, o motorista perdeu a vida", informa Axega.
"Lamentablemente, o Mundial de Enduro acaba de tinguirse de loito debido ao falecemento dun asistente (aínda sen confirmar se da organización ou dun dos equipos) nun fatídico accidente de tráfico ao chocar a súa moto cun camión. Como alcalde, veño de poñer todos os nosos medios a disposición da organización e de conversar co secretario xeral para o Deporte e o director xeral de Xustiza para poñelos en coñecemento do acontecido ao tratarse dun cidadán estranxeiro. Seguiremos informando. DEP.", sinalaba hai unha hora (10:30 horas aproximadamente) o alcalde do municipio, José Crespo, a través das súas redes sociais.
"Ás nove e media desta mañá unha persoa particular informaba dun choque entre un camión e unha moto ao 112 Galicia, na N- 525, punto quilométrico 289, na rotonda coa PO-534, en Donramiro, no concello de Lalín. No transcurso da chamada, outro particular tamén contactaba co 112 para informar deste accidente. Indicaba que o motorista estaba moi grave", sinala o 112 Galicia. Decontado, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mesmo derivaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, sen embargo, os profesionais sanitarios tan só puideron confirmar o pasamento do motorista.
Ata o lugar, tamén acudiron nada máis recibir a chamada do 112 Galicia, os axentes da Policía Local, os membros do GES e do Servizo Municipal de Protección Civil de Lalín. Igualmente foron informados os Bombeiros do Deza e a Garda Civil de Tráfico.
🔴🔴🔴ACTUALIZACION 13:15 HORAS:
"Sentimos comunicar que a persoa falecida esta mañá en accidente era director do equipo LM Racing, P. L. S., de 42 anos e nacionalidade francesa. Estaba facendo seguimento da proba do Campionato Mundial de Enduro coa súa moto nun treito urbano e fóra de competición. O mortal accidente produciuse á altura da rotonda de Willy ao impactar cun camión articulado.
Desde o Concello estamos a ofrecerlle axuda a esta familia francesa no difícil momento que atravesa a fin de que poida retornar á súa casa o antes posible. Todo o noso apoio aos seus familiares e amigos.
Moito ánimo a toda a familia do motociclismo", sinala o Concello de Lalín







Comentarios