Ecos da Comarca/Rodeiro
O exalcalde de Rodeiro Rubén Perfecto Quintá faleceu este sábado aos 59 anos. Naceu en Rubiás (Negrelos) en 1964. Era gandeiro, estaba casado e tiña dous fillos. Nas eleccións municipais de 2007 foi o candidato número 5 do PPdeG ao concello de Rodeiro, pero non foi elixido. Logo da dimisión do candidato e portavoz do PPdeG José Luis Fernández Fafián en marzo de 2010, entrou a formar parte da corporación municipal e foi nomeado concelleiro de Medio Ambiente. Nas municipais de 2011 ocupou o número 3 na lista popular e foi elixido concelleiro. Foi elixido presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Rodeiro en 2012. Volveu ser elixido concelleiro en 2015, sendo nomeado segundo tenente alcalde e concelleiro de Obras e Servizos; o mesmo que en 2019. Volveu ser reelixido presidente da Sociedade de Caza e Pesca en setembro de 2020. Logo da dimisión do alcalde Luís López Diéguez para ser delegado da Xunta na provincia de Pontevedra, foi elixido alcalde de Rodeiro o 6 de marzo de 2021.
Declaracións polo seu pasamento:
Publicidade
"O PP DE RODEIRO EXPRESA A SÚA DOR E CONSTERNACIÓN POLO FALECEMENTO DE RUBÉN QUINTÁ, O PRIMEIRO ALCALDE DA DEMOCRACIA QUE PERDE O CONCELLO, E TRASLADA AS SÚAS CONDOLENCIAS A FAMILIARES E ACHEGADOS. Hoxe a familia do Partido Popular de Rodeiro atopámonos “devastados e completamente superados” polo falecemento do noso compañeiro, Rubén Quintá e agradecemos publicamente as mostras de cariño que nos está a trasladar masivamente a veciñanza e tamén moita xente doutros concellos da bisbarra do Deza e da provincia de Pontevedra. Rubén foi un bo rexedor malia as circunstancias difíciles e sobrevidas nas que chegou á Alcaldía porque sobre todo, adicouse a escoitar e atender aos veciños por riba de todas as cousas, pero o máis importante é que foi unha grandísima persoa e un grandísimo compañeiro, que deixou unha fonda pegada alí por onde pasou, tanto no Concello como na sociedade de caza e en todos os lugares nos que desenvolveu a súa vida. Nestes momentos, a verdade é que non saen as palabras, porque aínda tiña moita vida por diante e moitas cousas que facer, pero ás veces tristemente non podemos disfrutar de xente boa e xenerosa como Rubén todo o tempo que quixéramos, polo que creo que hoxe é un día de loito e moita tristura no noso concello.Os teus compañeiros quedamos cos bos momentos compartidos, que foron moitos o longo destes anos. D.E.P. Compañeiro", expresa Cati Somoza, voceira do PP de Rodeiro.
"Inmensa tristura ao coñecer que despedimos, prematuramente, a Rubén Quintá. Foi un gran alcalde de Rodeiro pero sobre todo foi un gran amigo, nobre e xeneroso cos demais. O teu ‘pequeno’, como me dicías, quedará con todos os momentos vividos xuntos. DEP", sinala o exmandatario de Rodeiro e presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
"Hoxe é un día triste para o Concello de Rodeiro. Sinto como alcalde é veciño de Rodeiro o falecemento tan prematuro de Rubén Quintá, alcalde de Rodeiro entre os anos 2021 e 2023, e quero enviar o meu máis sentido pésame á familia, así como a familia do Partido Popular de Rodeiro. Convoquei un pleno extraordinario urxente para mañá ás 13:00h no Salón de Plenos para ler unha declaración institucional e gardar un minuto de silencio. D.E.P", indica o mandatario de Camba, José Luis Camiñas.
"Dende UxR queremos dar o noso pésame a familia de Rubén Perfecto Quintá Quintá e a todo o PP de Rodeiro polo seu finamento. Para UxR Rubén sempre será recordado como unha persona afable e un alcalde co que sempre se podía falar Que a terra che sexa leve D.E.P.", sinala Unidade por Rodeiro.
Dende o equipo de ECOS DA COMARCA: D.E.P.
Publicidade
Comments