Empresario e político galego, foi alcalde deste municipio de 1987 a 2020
Ecos da Comarca/Deza/Actualización 13:45 horas
Falece Adolfo Campos Panadeiros, nado en Dozón o 1 de agosto de 1934. É un empresario e político galego, que foi alcalde de Dozón de 1987 a 2020. Morreu a pasada noite nun centro hospitalario. O enterro será este martes e o Concello decretou dous días de loito.
Traxectoria
Como empresario foi presidente de Nucamsa e administrador do Matadoiro Comarcal de Deza Lalín, ademais de rexentar unha gasolineira. Emigrou a Venezuela. Retornou a mediados dos sesenta e instalouse en Lalín, invertendo en negocios de hostalería e espectáculos e despois nunha fábrica de pensos. Comezou a súa carreira política como concelleiro de Lalín en 1976. Afiliouse á UCD e nas primeiras eleccións democráticas presentouse no segundo posto desa candidatura en Lalín e foi elixido concelleiro. En 1983 encabezou a lista do Partido Galeguista á alcaldía de Dozón que acadou cinco concelleiros, pero non obtivo a maioría. Nas eleccións municipais de 1987 foi o cabeza de lista de Independentes de Dozón, que aínda que só obtivo 3 dos once concelleiros, grazas a unha tripla alianza logrou proclamarse alcalde. Conseguiu a maioría absoluta nas municipais de 1991, xa no Partido Popular. Desde entón revalidou sempre a maioría.
En xuño de 2020 dimitiu de alcalde e de concelleiro, por razóns de saúde, e foi substituído na alcaldía polo fillo Adolfo Campos Vázquez. Campos Vázquez xa viña presidindo os plenos municipais desde había uns meses, precisamente pola saúde do pai.
O Concello de Dozón lamenta publicamente o pasamento do exalcalde:
Lamentamos ter que comunicar o pasamento aos 86 anos de idade do ex-alcalde Adolfo Campos Panadeiros, que foi rexedor deste concello durante 33 anos (1987-2020), en nove mandatos consecutivos. Pola importancia do seu papel político, social e institucional en representación do Concello de Dozón, véñense de decretar dous días de loito oficial (ata as 11.00 horas do 26 de maio) e as bandeiras dos edificios públicos municipais ondearán a media hasta. D.E.P.
ESQUELA:
Comments