A filla do pintor Manuel Colmeiro, morreu en Madrid onde vivía
Elena Colmeiro. Foto: Consello da Cultura Galega
Laura Moure/Silleda
A artista Elena Colmeiro, que nacera en Costela, Margaride (Silleda) no ano 1932, faleceu onte na capital de España. Víctor Montenegro, representante e amigo da familia, foi o encargado de dar a nova e indicou que faleceu tranquila, na súa casa, e en compañía dos seus fillos. Meses atrás tiven o pracer de falar con ela a través dunha chamada teléfonica onde me contou como estaba a vivir a pandemia e que non se esquecía da súa paixón: a creación.
Biografía
Formada na Escola Nacional de Cerámica de Bos Aires, onde emigrou aos nove anos coa súa familia desde a localidade de Silleda escapando da Guerra Civil española, Elena Colmeiro interesouse desde moza pola creación artesanal e artística. No centro mostrouse crítica co academicismo, pero o director deste, Fernando Arranz, daríalle liberdade para desenvolver a súa capacidade creativa. Será en 1954 cando celebre a súa primeira mostra na Galería Müller con pezas de carácter figurativo.
Un ano máis tarde regresa a Galicia para continuar coa súa actividade artística e casa con Jesús Valverde, cuxa familia posúe fábricas de vidro, o que permitirá a Colmeiro utilizar as súas infraestruturas para producir as súas obras. Ao longo desta década, as súas creacións afastaranse da figuración, influídas pola observación dos crisois rotos, dos fragmentos de cerámica que vía nos talleres, o que lle levará a investigar co esmalte e con materiais refractarios para abordar un informalismo que nos anos 60 introducíase con forza no panorama contemporáneo español. Este decenio supuxo un período de perfeccionamento da súa técnica e de recoñecemento a través de bolsas que lle facilitaron estancias académicas e prácticas en países como Holanda, Estados Unidos, Polonia ou Italia, así como de participación en exposicións a nivel nacional como internacional.
Presentes en moitos espazos públicos
As obras de Elena Colmeiro están presentes en diversos espazos públicos, así como en moitas coleccións privadas e institucionais e a súa asidua participación en mostras foi constante. Coa cerámica como referente, a súa produción enmárcase na escultura informalista, na que o espazo se converte nun elemento determinante para configurar os volumes das pezas que constrúe, ás que outorga a mesma importancia no interior que no exterior. Para a artista constitúen un completo campo de investigación en si mesmas ao poder modelarlas, horadarlas, escavalas, baleiralas ou enchelas e aplicarlle diferentes elementos, provocando tensións nas formas abstractas ás que aplica esmaltes, vernices e cor que achegan textura ao resultado final, incorporando ademais diversos materiais como ferros, cemento, madeiras ou arames.
Os anos 1991 e 1992 son relevantes na carreira desta autora, xa que ten a oportunidade de realizar unha estancia investigadora no EuroepanCeramicsWork Centre de Holanda, onde proseguirá o seu traballo con materiais refractarios e o tratamento con óxido, este último presente na obra analizada. Así, as pezas deste período combinan diversos materiais, outorgando especial relevancia ao carburo de silicio e ao óxido, que lle permitían unha maior expresividade, logrando enriquecer a súa produción con cores, formas xeométricas e múltiples texturas.
O Concello de Silleda plantexa facerlle unha homenaxe
O Concello de Silleda amosa o seu pesar polo pasamento da artista. "Recoñecida ceramista, Elena era a gran vixía do legado do seu pai, o artista máis internacional que deu Silleda, Manuel Colmeiro Guimaráns". Dende o Concello, e en nome de toda a veciñanza, Manuel Cuiña, lamenta o falecemento da artista. “É sen dúbida unha gran perda para Silleda, onde tiñamos pendente de organizar unha exposición das súas obras”, indica o alcalde lembrando un dos últimos encontros coa creadora en 2018, cando acudiu a inauguración dunha retrospectiva de Manuel Colmeiro no museo Ramón Aller.
Elena Colmeiro, que a finais de 2019 foi nomeada intregante da Real Academia Galega de Belas Artes, significou, coma o seu pai, pola seu carácter vangardista, abandonado a figuración nas súas creación a finais dos 50, logo do seu regreso dende Bos Aires, cidade á que familia marchou exiliada trala Guerra Civil, apunta o Concello. “Sempre tivo presente a Silleda e a súa Costela natal”, engade Cuiña, lembrando que a autora colaborou con diversas iniciativas e foi ademais unha gran impulsora da creación do instituto público de ensino secundario que leva o nome de Manuel Colmeiro. “Silleda está en deuda con Elena Colmeiro”, engade Manuel Cuiña, que avanza que se plantexará, sempre de acordo ca familia, a realización dun recoñecemento póstumo á autora en colaboración ca comunidade educativa do IES, entre outros.
Comments