Máis de 500 persoas ateigaron a Casa da Cultura para asistir á mesa informativa organizada pola Plataforma Ulloa Viva
Ecos da Comarca/Xeral
A Plataforma Ulloa Viva organizou este venres en Melide unha charla informativa sobre Altri á que asistiron máis de 500 persoas interesadas en coñecer a información do Proxecto Gama "que nin Xunta nin empresa dan aos afectados". A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, explicou o movemento veciñal creado contra esta macrocelulosa e os pasos que a plataforma está a dar para impedir que finalmente Altri se instale en Palas de Rei. Xaquín Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa; Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica e doutor en Xeografía; Marco Cernadas (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra); Santiago Ortíz, catedrático de Botánica, e Xoán Castro, enxeñeiro agrónomo, explicaron dende as súas disciplinas “o engano e o desastre medioambiental e socioeconómico” co que Altri ameaza non só ao corazón de Galicia, senón tamén aos 11 concellos que se abastecen do Ulla e á Ría de Arousa.

Entre o numeroso público asistente, que mesmo quedou de pé ou sentados en escaleiras e
zonas comúns, ademais de veciños e veciñas das comarcas da Ulloa, Deza e Terra de
Melide, había xente da Estrada, de Compostela e mesmo da Mariña lucense, que quixeron
na quenda de preguntas tomar a palabra para explicar a súa preocupación a respecto desta ameaza para Galicia e amosáronse dispostos a traballar para que isto non ocorra.
Marta Gontá destacou que a Plataforma organizou este acto “de rigurosidade de cara aos veciños, suplindo a ausencia de información tanto da Xunta coma de Altri”. Todos os ponentes acudiron a Melide de xeito altruista.
Dende o público, chegado dende a Mariña, o neumólogo Evaristo Lombardero, explicou a
súa experiencia de 20 anos exercendo no Hospital de Navia (Asturias) a tres quilómetros da papeleira de Ence nesa localidade. “Non hai traballos publicados ao respecto sobre os
efectos na saúde da xente, pero os neumólogos e os pediatras sospeitábamos dos efectos
destas celulosas nos casos de asma infantil e nas patoloxías respiratorias”.
A Plataforma Ulloa Viva instalou na entrada da Casa da Cultura unha mesa con folletos
informativos do proxecto de Altri na que se puxo a disposición dos asistentes formularios de alegacións para cumplimentar e presentar diante da Xunta de Galicia. Coa masiva
asistencia de público ao evento, esgotáronse os formularios de alegacións (preto de 70
asinadas ese mesmo día) e moitas persoas quixeron facerse socios da Plataforma Ulloa Viva para axudar nesta loita.
O exemplo de Ence
Marcos Cernadas, lembrou en Melide a loita dos veciños e veciñas de Pontevedra dende 1958 para impedir a instalación de Ence en Lourizán. “Logo de manifestacións e boicots a empresa instalouse, sen licencia, e empezaron os cheiros, os verquidos á Ría, a mortandade dos peixes e unha escuma marrón de materia orgánica dos verquidos cubrindo a zona”. Cernadas advertiu que estas empresas “sempre din que eles non contaminan, só queren a auga, o terreo e que non lles molestedes” e co exemplo de Ence animou á veciñanza a impedir que Altri instale a súa macrocelulosa en Palas.
Especies ameazadas
Santiago Ortíz, catedrático de Botánica da USC, referiuse á zona de Melide afectada polo
proxecto de Altri coma unha das zonas declaradas “excepcional dende o punto de vista de
conservación da flora, unha das 10 que hai en todo o Estado”. Sinalou que “hai 8 especies
en perigo que xunto coa serra da Capelada , e delas 7 están no Catálogo Galego de
Especies Ameazadas, co que supostamente terían que estar protexidas pola Xunta”.
Aire e auga contaminados
O enxeñeiro agrónomo Xoán Castro explicou os seus estudos ao respecto da contaminación que Altri faría no aire e na auga, algo que segundo dixo “están negando
chamándonos tontos”. No caso da contaminación do aire falou do óxido de nitróxeno e o
óxido de xofre e outras partículas que figuran no proxecto de Altri “que nos van afectar aos
pulmóns e á calidade de vida”, e falou ademais da chuvia ácida”. No caso da auga definiu o proxecto de Altri coma “chafalleiro” porque se refire a cifras de emisión que non multiplica polo caudal de auga que quere manexar a empresa. Ademáis asegurou que “os sólidos en suspensión van sedimentar e enlodar todo o encoro de Portodemouros”.
Publicidade
Ao ano, segundo calculou o enxeñeiro, Altri enchería a auga con 164 toneladas de
nitróxeno e 20 de fósforo “o que equivale ao xurro de 1.850 vacas mexando e cagando no
río directamente un ano, ou ben o de 28.000 porcos de ceba nas mesmas condicións”. Concluíu que “van converter o Ulla nunha cloaca e Altri vai consumir auga equivalente a 460.000 vacas de leite (cada vaca de leite consume ao ano 36 metros cúbicos de auga)”. Co cánon da auga que tería que pagar a empresa por solicitar ese caudal, explicou que “serían ao ano 12,7 millóns de euros, o que equivaldría a 319 salarios doutros tantos postos de traballo a razón de 40.000 euros ao ano.”.
Impacto negativo na economía da zona
O catedrático de Análise Xeográfica e doutor en Xeografía Rubén Lois puxo en cuestión “a
primeira mentira de que era unha fábrica de fibras téxtis, mesmo hai unha patente austríaca para a elaboración e transformación deste produto que Altri non adquiriu”. Tamén se referiu aos postos de traballo anunciados pola empresa e a Xunta destacando que “en Portugal teñen 3 plantas e só 700 empregados, xeneran menos emprego que o Camiño, a gandeiría e as empresas da comarca”. Lois explicou que Altri tería un impacto enorme na actividade empresarial da zona”. Altri responde, segundo explicou Rubén Lois, a un exemplo de proxecto de “acumulación por desposesión” polo que “uns cantos se fan ricos sin ter en conta o territorio, esquilman, collen os beneficios e vanse”.
Publicidade
Desastre para a Ría de Arousa
Xaquín Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, explicou a complicada situación que atravesa o marsiqueo na zona nos últimos anos, pola contaminación e a ausencia do Nordés. A isto engadiu que “Altri vai detraer un gran volume de auga e aportarlle materia orgánica e químicos, e todo a 27 graos de temperatura”, iso segundo dixo “vai a xerar un problema de tóxicos e vai en poñer en perigo a saúde pública”.
Destacou que “a Ría de Arousa é unha potencia económica que produce o 70% do mexiçilón e o 60% da ameixa, con Altri vaise ir ao traste unha sinal de identidade de Galicia”.
Pasan os tempos Fenosa foxo o que quiso e agora os Portugueses querencia facer aquí o que non lle deixan al.A ruinas de Galicia no medio ambiente,na saude e no paro.Non hai postos de traballo,so fume!!!