top of page

Expertos alertan en Cambados dos impactos de Altri e a Mina de Touro no marisqueo da Ría de Arousa

O sector do mar chama a participar masivamente na manifestación do 22 de marzo na Pobra do Caramiñal


Ecos da Comarca/Xeral

O Salón Peña de Cambados acolleu este xoves un acto organizado pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) co título “Desaparecerá a actividade marisqueira con Altri e a Mina de Touro?”. O presidente da PDRA, Xaquín Rubido; Horacio García, profesor titular de Xeografía Física na USC e Serafín González, investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural analizaron polo miúdo os posibles impactos que estes dous proxectos industriais que a Xunta de Galicia tramita como “estratéxicos” terían no río Ulla e na Ría de Arousa.


Xaquín Rubido contrapuxo o modelo que a Xunta de Galicia ten para o sector do mar coas demandas reais e un “modelo de país” que aposta por declarar “de interese xeral” ao sector, recuperar as rías e establecer medidas de axuda e apoio a un sector, que coma na Ría de Arousa, rexistrou o pasado ano unhas perdas do 70% da súa produción. Coa situación actual, o “abandono da Xunta” e a posibilidadede que Altri e a Mina de Touro se implanten no territorio, o presidente da PDRA alerta do “impacto fortísimo” que estas industrias terían na produción marisqueira, que segundo dixo “acentuaría o devalo produtivo e o deterioro da ría”.


Contrastou Rubido a “dobre vara de medir da Consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia, que nos dous últimos anos nin sequera contestaron ás denuncias do sector do mar polos problemas ocasionados polos desencoros no marisqueo das rías, mentres que os mesmos departamentos da Xunta teñen con Altri total axilidade e disposición”.

foto

Diante desta ameaza, a PDRA chamou “ao mar e á terra” a manifestarse o vindeiro 22 de marzo, Día Mundial da Auga, na Pobra do Caramiñal, nunha convocatoria conxunta para defender “un modelo de país baseado nos nosos recursos e contra as industrias depredadoras e espoliadoras” ás que apoia o modelo industrial da Xunta de Galicia.


Avaliación do impacto hidrolóxico do Proxecto Gama

Horacio García, profesor de Xeografía Física da USC e autor dun dos informes arredor dos impactos de Altri presentados en setembro polo Consello da Cultura Galega, explicou en Cambados que “o recurso auga tense que tratar con suma delicadeza e baixo un principio de prudencia”. García referiuse a un “contexto de cambio global” no que as proxeccións climáticas apuntan cara “marcos hipotéticos moito máis restritivos en comparación cos do presente”.


En relación ao proxecto de Altri en Palas de Rei, Horacio García sinala que a documentación ambiental aportada pola empresa “omite os impactos integrais, traballando o río como se fosen tramos illados e non un continuo”. Segundo relatou, a empresa “emprega datos do futuro inmediato (PHGC 2021-2027) (Plan Hidrolóxico Galicia-Costa) como garante para un proxecto no que o 88 % do seu tempo de funcionamento será baixo marcos que exceden o límite temporal para o que foi deseñado o PHGC”.


Preme na imaxe se queres obter máis información do evento.
Preme na imaxe se queres obter máis información do evento.

Sinala o xeógrafo da USC que “as porcentaxes de cambio nas achegas hídricas do río Ulla e a ría de Arousa (marxe dereita) para o horizonte 2039 presentan unha variación de –8,39 %. É dicir, escenario moito máis restritivos en comparación co presente”. Referiuse ademais ao ciclo da auga e o río e asegurou que “nin o río se pode estudar como un compartimento estanco, nin a auga pode ser analizada unicamente mirando para o río”. Segundo García “o estudo da auga debe apoiarse en procesos de investigación interdisciplinaria nos que as ciencias naturais e a enxeñaría estean en igualdade de condicións coas ciencias sociais”.


Proxectos industriais que “non se sosteñen”

O investigador do CSIC Serafín González destacou en Cambados que “non hai ningunha diferencia substancial entre o proxecto da Mina de Touro que a Xunta está a tramitar como estratéxico e ao que lle denegou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) a mesma Xunta no 2021”. González critica que “de repente o mesmo proxecto agora é PIE pero os riscos ambientais son os mesmos, o seu impacto social e na actividade socioeconómica é o mesmo e existe o mesmo perigo da balsa de lodos”.


Critica o investigador do CSIC que a empresa Cobre San Rafael “sigue teimando en que non hai hábitats prioritarios nin un castro na zona”, pero lembrou que hai “informes anteriores da Xunta a respecto que provocaron unha DIA negativa”. Segundo destacou González “a credibilidade do proxecto está en cuestión polo que levan feito e seguen nas mesmas”.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A respecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, Serafín González recrimina que a empresa “nos toma por parvos” e “demostra unha incapacidade extraordinaria para depurar a auga, salvo no caso da que teñen que usar eles”. Segundo criticou González “teñen a tecnoloxía máis avanzada para a auga que usan” pero nos 30 millóns de litros de auga que queren verter ao día ao río Ulla hai nitratos, fósforo, sultafos e outras partículas contaminantes e a 27 graos de temperatura. Sentenciou o investigador do CISC que o emprazamento escollido por Altri para a macrocelulosa “é o peor posible” unha zona proposta para a ampliación da Rede Natura 2000 “que agora a Xunta ten a desfachatez de quitala da planificación”.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page