O festival celebrado en Lalín tivo un impacto económico na comarca de máis de 200.000 euros
Laura Moure/Lalín
O balance do Galicia Clarinet Fest é máis que positivo: o festival reuniu en Lalín a 14 dos mellores clarinetistas do panorama internacional, a 4 pianistas, ao redor de 70
alumnos/as na Academia e a máis de 5.000 asistentes entre Congreso e os concertos
realizados en Lalín e Santiago. Esta V edición supoñía un dobre reto: o cambio de ubicación, no Polivalente Manuel Rivero, e o cobro de entrada aos concertos. E aínda
así, a fidelidade do público, cunha media de 200 persoas por concerto, reafirma a
calidade da programación e dos profesionais que foron pasando polo escenario.
Durante os oito días de celebración do festival, a ocupación hoteleira da comarca
aumentou notablemente, co beneficio que iso supuxo para o comercio local e a
hostalaría, como así llo comunicaron á organización responsables de restaurantes
como Currás ou Cabanas. A satisfacción é compartida entre as persoas
organizadoras. “Organizar un festival como este é complexo, porque ademais da
programación musical, existe toda unha arquitectura para deseñar o plan de
formación que inclúe clases individuais e colectivas do profesorado cos ao redor de
70 alumnos e alumnas que se inscribiron na Academia. En total impartíronse 151
horas de clase”, destaca Xocas Meijide, director artístico do festival.

O Galicia Clarinet Fest xera en Lalín no mes de xullo un impacto económico directo
importante: aloxamentos, imprentas, transportes, restauración, cachés, empresas de
servizos, postos de traballo directos e indirectos, etc sendo ademais elemento
dinamizador do territorio en canto a marca e turismo. Seguindo o estudo realizado
polo equipo de investigación da USC e publicado pola Asociación Galega e Empresas
Musicais (AGEM) cada euro de investimento público ten un efecto multiplicador de
3,38 puntos.
Cabe destacar que ademais dos valores ligados ao impacto enómico, cultural ou
social, Lalín converteuse durante os días do festival nunha vila multicultural, con
alumnado, profesorado, artistas e público de 4 continentes, xerando unha atmósfera
de convivencia e de vínculos que posiblitarán para os asistentes novas oportunidades.
Publicidade
A aposta musical do Galicia Clarinet Fest consolídase, un ano máis, como unha das
máis potentes a nivel europeo no panorama da música clásica, concretamente do
clarinete, cunha programación que se ampliou a outros xéneros musicais. Para alivio
dos asistentes máis fieis -e das persoas que non puideron desfrutar desta experiencia
este ano- o festival xa está a preparar a VI edición. “Esta edición marca un antes e un
despois, coa xestión profesional que merece este festival, coa mirada posta xa en
2025, coa certeza de que temos un dos mellores festivais do mundo, porque así nolo
trasladaron marcas, músicos, alumnado e público” manifestou Meijide.
Comments