top of page
Foto del escritorLaura Moure

Et Suseia Danza leva a Melide ‘O que non se ve’ que mestura danza tradicional e contemporánea para falar da muller

Será o 1 de decembro no auditorio Mingos da Pita


Laura Moure/Melide

O auditorio Mingos Pita de Melide será o escenario, o vindeiro 1 de decembro, da función dun espectáculo de danza que fusiona dous estilos a priori sen nada en común. Et Suseia Danza presenta O que non se ve, unha aposta moi particular pola mestura do baile tradicional galego coa disciplina contemporánea con dúas bailadoras sobre as táboas e acompañamento de percusión. Será ás 18 horas con entradas gratuitas ata completar o aforo.


Esta nova peza vén dar continuidade a un proxecto nacido a finais de 2021 coa idea de

crear sinerxías entre dous mundos das artes escénicas, o tradicional e o moderno. O resultado son obras como esta que se estreou no marco da programación cultural do

Concello de Santiago e que pretende mostrar o que existe máis alá das vestimentas, representando a través desta danza híbrida e perfectamente conxugada a forza e a loita da

muller na sociedade actual.

A nivel musical, a peza aporta unha nova sonoridade nas melodías mergullándose na percusión tradicional pero enfocándoa cara un aspecto máis actual. Tamén mudan as letras facendo letras propias, amosando o poder da muller do rural galego como clave da conservación da tradición oral. As coreografías son orixinais de Et Suseia, creadas por Erick Pegueros, Diego Landín e Gustavo Couto e interpretadas por Iria Portos e Iria Calvar, como bailadoras titulares, con Cristina Cotilla na percusión.


A compañía

Et Suseia Danza adoptou o nome dun saúdo de ánimo entre peregrinos e peregrinas que significa “imos alá” ou “máis alá”. A expresión representa a esencia da compañía, que pretende ir máis alá no mundo da danza mesturando tradición con modernidade. Desa

necesidade de expresión unindo dous estilos fundouse a finais do 2021 Et Suseia, xurdida da colaboración entre OCT Ultreia (Santiago) e o Ballet de Galicia (Marín). En pouco tempo

buscou crear un espazo propio dentro da danza en Galicia realizando diferentes actuacións e acadando varios recoñecementos: 1º Premio no Certame Coreográfico organizado pola ASPG (2021); 3º Premio da categoría Fusión no concurso Vigo Porté (2021) finalistas do concurso Interritmos- Son do Rural, organizado pola Asociación DELOA (2021) e premio do público como mellor peza de danza no circuíto Compostela Cultura 2023.


Et Suseia está composta por:

Iria Portos (Santiago de Compostela, 1999). Formada en danza tradicional dende os 4 anos no OCT Ultreia e Armadanzas de Laraño. Galardoada en diferentes concursos como mellor bailadora da edición (Xacarandaina 2016, ou Padrón 2010). Domina todos os instrumentos de percusión de man da tradición galega. Actualmente está a formarse en danza contemporánea no Ballet de Galicia.


Iria Calvar (Marín, 2001). Formada en danza contemporánea no Ballet de Galicia, leva anos sendo recoñecida con diferentes galardóns como o 1º premio en danza contemporánea no evento Grand Plie de Ávila 2021 ou o 1o premio como solista no concurso internacional Vigo Porté. Recibiu unha bolsa para a “International Summer School, Collaboration with YGP in Volta Mantovana, Italy”.


Cristina Cotilla (Santiago de Compostela, 1999). Formada en música e baile tradicional no OCT Ultreia. Vocalista e percusionista do grupo Carapaus co que ten editado recentemente o disco “Camiño da vida Tola”. Formouse en percusión clásica no conservatorio profesional de Santiago de obtendo o grao Profesional. En 2022 obtén o grao en Musicoloxía pola Universidade Internacional de Valencia.


Diego Landín (1994). Ós 6 anos comeza os estudos de danza e piano en Pontevedra e anos máis tarde obtén o Grado Elemental de Danza Clásica no conservatorio Mayeusis de Vigo. Ós 17 anos é admitido no grao profesional do conservatorio Madrileño de Danza Clásica e Danza Contemporánea de Carmen Roche “Scanea” e ese mesmo ano é seleccionado polo taller coreográfico de Benicassim (Valencia) para a representación de “Jardi Tancat”, coreografía de Nacho Duato. En abril de 2019 é nomeado coreógrafo residente do Ballet de Monterrey (México).


Publicidade

Erick Pegueros: Licenciado en danza clásica pola ESMDM de Monterrey-México. Medalla de prata na categoría ensamble do YAGP na súa edición 2014 cunha coreogrfía de Jaime Sierra. A súa coreografía “Cempasúchil” acadou o primeiro lugar no YAGP 2020. Participou en proxectos escénicos como Proxecto Trex, Poc Impulse ou CIART/Wirikuta the night show. Ten formado e forma alumnos con bolsas e aceptados en escolas e compañías de todo o mundo como: Joffrey Ballet School, Boston Conservatory of dance ou Escola superior de Música e Danza de Monterrey.


Gustavo Couto (Santiago de Compostela). Mestre de baile tradicional galego dende 2003,

compaxinando o seu traballo de docencia co traballo de campo para a recuperación de bailes e músicas por toda Galicia. É coautor do Libro-DVD “Bailabén” de aprendizaxe do baile tradicional, entre outras publicacións. Na actualidade é mestre de baile tradicional en

diferentes grupos, entidades e asociacións. Ademais é percusionista de grupos como Ultreia ou Carapaus, co que ten editados 3 traballos discográficos. Colabora semanalmente co programa da CRTVG “Lume na Palleira”.



0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page