Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

"Estou vendo que moita xente lle dá un valor engadido aos produtos feitos a man"

"Moitos pediron gravar nos pendentes dende iniciais, ata imaxes relacionadas coa profesión, afeccións ou gustos diversos da persoa agasallada"

Alba Pereira Iglesias


Entrevista á artista lalinense Alba Pereira Iglesias


Laura Moure/Lalín

Unha dos aspectos bos da pandemia, por sacar algo en positivo, foi a cantidade de tempo que nos deu a todos. Isto provocou que en pleno confinamento a creación e as ganas de facer cousas novas aumentasen. Houbo quen lle deu por cociñar, outros por facer pilates ou ioga desde a casa ou por adentrarse no mundo das manualidades. Hoxe falamos coa lalinense Alba Pereira Iglesias, responsable de Clarexa. Ela fai uns pendentes moi orixinais que empezaron a ver a luz hai uns meses.


1. Cando e como nace Clarexa?

En Nadal xa é un habitual no meu grupo de amigas facer o xogo do amigo invisible e buscando ideas, pareceume orixinal regalar uns pendentes feitos por min. Aproveitando esas datas tan sinaladas, fixen varios pares a maiores para regalar ás persoas máis achegadas, quen tras ver os resultados me animaron a que os amosara por redes sociais.


2. Por que ese nome?

A verdade é que non me esmerei demasiado… Chámome Alba, sinónimo de amencer. Busquei outros sinónimos en galego e ao ver a palabra clarexar, dixen: xa o teño!


3. Que fai exactamente?

Pendentes personalizados segundo os gustos da persoa, quen pode elixir cor, forma, tamaño e incluso, o gravado de iniciais ou imaxes.


4. Que materiais e técnicas emprega?

A maior parte dos pendentes que fago son de arxila polimérica con pezas e enganches de aceiro. En canto ás técnicas, probo infinidade de cousas: mesturas de cores, degradados, aplicación de pintura acrílica para conseguir determinados efectos, gravado de imaxes…


5. De onde xorde esa creatividade?

Non sei dicirche… Só sei que no confinamento comecei a adicar parte do meu tempo ás manualidades. Moitas delas resultaron ser desastrosas e outras non tanto, pero descubrín que é algo que me axuda a relaxarme e desconectar.


6. Como está sendo a acollida?

Considero que bastante boa. Dende que comecei a publicar fotos dos pendentes en Instagram vexo que moita xente comeza a interesarse e que lle dan un valor engadido aos produtos feitos a man.


7. Que é o que máis lle piden?

Quizás sexan os pendentes con gravación de imaxes. Dado que a maioría dos pendentes que fixen foron para regalo. Moitas persoas pediron gravar dende iniciais, ata imaxes relacionadas coa profesión, afeccións ou gustos diversos da persoa agasallada.


8. Ten en mente xa algunha idea máis para Clarexa?

No relativo aos pendentes, estou comezando a utilizar outros materiais como a resina epoxi coa que se conseguen resultados moi interesantes e, por outro lado, tamén estou barallando comezar a facer colares e chaveiros.


Algúns dos pendentes creados por Clarexa.

313 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE