top of page

Esgotadas as prazas para as visitas teatralizadas no pazo de Liñares da man de Emilia Pardo Bazán

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

As dúas visitas que organiza a Deputación, enmarcadas na programación sobre a escritora, serán os domingos 30 de maio e 13 de xuño nesta instalación lalinense


Laura Moure/Lalín

A Deputación de Pontevedra continúa a lembrar a figura de Emilia Pardo Bazán no ano do centenario do seu falecemento. Neste senso, o Pazo de Liñares, en Lalín, ao que estivo moi ligado a novelista, acollerá os domingos 30 de maio e 13 de xuño ás 12.00 horas dúas visitas teatralizadas. Nelas o público coñecerá in situ un dos mellores exemplos da arquitectura pacega de Galicia a través das figuras de Pardo Bazán e de Amalio Taboada, herdeiro do pazo. Malia que as prazas xa están esgotadas, as persoas que queiran entrar en lista de agarda só teñen que enviar un correo electrónico a participa.cultura@depo.gal


O fío condutor da visita será a morte de Carlos Taboada, pai de Amalio e íntimo amigo de Emilia Pardo Bazán e propietario do Pazo de Liñares a comezos do século XX. A novelista achegarase ata Lalín para dar o pésame á viúva e aos seus fillos. Na visita, cunha duración dunha hora, as figuras de Pardo Bazán e Amalio Taboada amosarán ao público o "Palacio do Reencontro", como o chamaba a autora, mesturando lembranzas, anécdotas e recreacións dalgúns dos seus contos.

Unha parte do espectáculo terá lugar no xardín do pazo e o resto da actividade desenvolverase no "salón grande", situado no segundo andar. As visitas correrán a cargo da compañía Fantoches Baj, con Larraitz Urruzola no papel de Emilia Pardo Bazán e Inacio Vilariño na pel de Amalio Taboada.



0 comentarios

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page