Erea Rey pide celeridade para executar as melloras do polígono Área 33 de Silleda
- ecosdacomarca

- 7 sept
- 2 Min. de lectura
Sinala que estas xa foran aprobadas nunha moción presentada hai dous anos polo Bloque
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda congratúlase de que se vaian executar nas próximas semanas unha serie de actuacións no polígono industrial Área 33 que coinciden coas propostas incluídas na moción presentada polo grupo nacionalista en outubro de 2023 e aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación.

A intervención anunciada polo Concello inclúe o acondicionamento de vías interiores e a
creación de novos espazos de aparcadoiro, medidas xa reclamadas polo BNG como parte dun plan integral para mellorar a operatividade e a seguridade dese espazo.
Desde o BNG lembran que estas actuacións "son o resultado do traballo realizado para poñer no centro do debate político a situación de abandono que vivía o polígono, e
recalcan que se trata de demandas históricas do tecido empresarial e dos usuarios deste
espazo". Con todo, lamentan "que estas actuacións cheguen tarde, e critican a parsimonia
coa que o goberno local cumpre coas súas obrigas, tendo en conta que a iniciativa dos
nacionalistas foi aprobada polo Pleno hai xa case dous anos".
Publicidade
En palabras da concelleira nacionalista Erea Rey: “O goberno municipal debe ser máis ambicioso e cumprir todos os puntos da moción do BNG. O polígono Área 33 merece un coidado integral e unha planificación que estea á altura da súa importancia estratéxica para Silleda, algo que non ocorre a día de hoxe”.
Porén, Rey lamenta que o goberno local "non execute outras medidas recollidas na moción, como a limpeza das beirarrúas, o mantemento das zonas verdes, e a recuperación de parcelas municipais que actualmente presentan un estado de
abandono, situación que pode constatar facilmente calquera persoa que visite o polígono".
Publicidade
Novo vertido ao río Deza
Noutra orde de cousas, o BNG de Silleda denuncia un novo vertido ao Río Deza, que foi avistado na mañá de onte, 6 de setembro, na zona de Carboeiro, que se suma ao xa denunciado hai menos dunha semana, "sen que se coñezan actuacións das autoridades competentes para deter esta situación". "A este ritmo, o río Deza vai camiño de converterse nunha cloaca sen que os concellos nin a Xunta fagan nada por cambiar esta
situación", recalca o Bloque. O BNG considera que "hai que investigar quen son os infractores, do contrario todo o mundo é sospeitoso pagando xustos por pecadores".
NOTICIA RELACIONADA:
Silleda presenta ao empresariado de Área 33 a actuación de mellora viaria e reorganización do tráfico: https://www.ecosdacomarca.com/post/silleda-presenta-ao-empresariado-de-%C3%A1rea-33-a-actuaci%C3%B3n-de-mellora-viaria-e-reorganizaci%C3%B3n-do-tr%C3%A1fic








Comentarios