Erea Rey aposta por unha estratexia turística que deixe retorno económico no comercio e hostalería
- ecosdacomarca
- 26 may 2023
- 2 Min. de lectura
Recuperar patrimonio natural, crear ‘paquetes turísticos’ especializados e atraer un turismo de calidade son os principais puntos do programa do BNG de Silleda
Ecos da Comarca/Silleda
Utilizar os recursos patrimoniais e naturais de todo o concello de Silleda como un recurso económico e que xere novas portunidades de emprego: estes son os principais obxectivos que defende a candidata do BNG, Erea Rey, no eido turístico do seu programa de goberno para Silleda.

Trátase, segundo está a explicar a candidata nacionalista nos encontros veciñais nas parroquias, “de que Silleda deixe de ser un mero lugar de paso para visitantes que veñen ver fundamentalmente os nosos dous grandes reclamos, o Mosteiro de Carboeiro e as fervenzas do Toxa e, para acadalo, é necesario crear unha estratexia turística integral, con altura de miras, pensando na economía da nosa propia veciñanza, e sustentable a curto e medio prazo”.
Así, Erea Rey propón a creación de roteiros especializados que inclúan desde rutas arqueolóxicas, do románico, das fervenzas ou dos muíños, ata itinerarios históricos ou literarios. Un tipo de ‘paquetes turísticos’ que se poderían ofertar a empresas especializadas de transporte, guías ou de turismo activo, e mesmo servir como punto de partida para a creación deste tipo de empresas por parte de emprendedoras e emprendedores sillendenses. A idea final, ademais da creación de emprego, é orientar a estratexia a conseguir un tipo de visitante responsable, consciente do territorio que visita e que realice os seus consumos na hostalería e no comercio de Silleda.
Medidas turismo e patrimonio:
Recuperación de muíños e pontes dos ríos Deza, Toxa, Gouxa ou Cervañiña.
Rehabilitación do patrimonio industrial hidroeléctrico (Ponte, Grava, Pazos…).
Creación de diversos roteiros arqueolóxicos e monumentais: dos castros, do románico, das rutas fluviais, de montaña, mámoas, petóglifos, alvarizas, fontes, lavadoiros, etc.
Mellora accesos e circuíto turístico Deza-Carboeiro-Fervenza do Toxa; Roteiro das fervenzas do Concello, área dos Muíños de Ponte…
Protección e sensibilización do patrimonio medioambiental Rede Natura 2000 (Carboeiro, Brañas de Xestoso, Fervenza do Toxa, Fervenza de Férveda, Cascaxide, Monte do Candán, cauces dos ríos Toxa, Deza).
Limpeza e adecentamento dos ríos e as áreas fluvias de Fucarelos e As Xuntas (Cira), Ponte-Taboada, Carboeiro (Ponte do Demo-Mosteiro; parte silledense adxacente á Carixa) e as tostas de Vilar ou Cortegada.
Conservación de masas forestais autóctonas (carballeiras, fragas, soutos, etc) e maior control coas plantacións alóctonas e invasoras.
Comments