top of page

Equina Galicia celebra o seu décimo aniversario con máxima participación nas súas competicións

Reúne en Silleda a máis de douscentos cabalos de oito países


Ecos da Comarca/Silleda

Equina Galicia, organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, volve ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, nesta ocasión para celebrar o seu décimo aniversario. Unha edición moi especial cuxa entrada será novamente gratuíta e na que haberá máximo de participación en varias das súas seis competicións, as cales reúnen en conxunto a máis de douscentos cabalos de oito países.

O evento comezará oficialmente hoxe, venres, aínda que onte desenvolveuse xa unha sección do X Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE. Será a correspondente a poldras de 2 anos, na que participan 22 exemplares e que se adianta debido a que a gran cantidade de inscritos facía necesario máis tempo para que puidesen ser avaliados todos os participantes. Este X Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE, que será de novo o eixo principal de Equina Galicia, volveu a conseguir para esta edición a categoría tres estrelas. Por terceiro ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle de novo o máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e o esforzo na súa organización, ademais de valorar novamente as infraestruturas destinadas ao concurso na Feira Internacional de Galicia ABANCA.


Esta competición, que inclúe tanto morfoloxía como funcionalidade, contará coa participación de 55 destacadas ganderías, a maior cifra ata o momento, as cales proceden non só da maioría de Comunidades Autónomas españolas, senón tamén doutros seis países, como son EE.UU, Nicaragua, Costa Rica, México, Italia e Bélxica. Un carácter internacional que comezou a medrar fai un par de anos e que nesta edición consolida a Equina na axenda de ganderías estranxeiras que teñen cabalos competindo en España, os cales participan a través de presentadores nacionais para puntuar de cara ao Campionato do Mundo. Non en balde esta proba é clasificatoria para esta final mundial, a cal se celebrará en Sevilla do 19 ao 24 de novembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).


En total participarán máis de noventa exemplares de pura raza española, convertendo esta cita nun dos tres campionatos de España con maior número de participantes. Unha importante presenza que permitirá a Equina cumprir un dos seus principais obxectivos, dar a coñecer a importancia da gandería ecuestre e xerar interese no mundo do cabalo.


Doma, enganches e equitación de traballo

Ademais do morfofuncional, esta cita ecuestre contará con outras cinco importantes competicións. Tres delas centraranse o vindeiro sábado na doma clásica e contarán cunha cifra récord de 60 binomios (cabalo e xinete ou amazona), sendo o VI Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, que conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; a XXVI Copa Accega e o Territorial, sendo este último clasificatorio para o Campionato Galego de Doma Clásica.


Tamén o sábado 27 de xullo Equina Galicia acollerá por primeira vez probas puntuables para o Campionato de España de Equitación de Traballo, o cal se celebrará no marco de SICAB baixo regulamento ANCCE. Unha ducia de binomios de España e Portugal participarán nesta cita, a cal se corresponde cunha modalidade ecuestre centrada nas habilidades e destrezas do cabalo para o traballo co gando no campo e que contará con catro tipos de probas, que serán doma, manexabilidade, velocidade e apartado de gando, instalándose para estas últimas varias pontes, obstáculos e material que simula reses para o seu desenvolvemento.


Publicidade

Preme na imaxe para contactar con nós.

Xa o domingo sumarase a cuarta proba das seis que compoñen o Campionato Galego de Enganches. Puntuable para o Campionato de España ademais do galego, contará con tres modalidades, Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo, e tamén Ponis, orientada a nenos e cunha carruaxe tirada por un poni. Nesta ocasión a proba contará cun gran nivel, xa que entre a decena de participantes procedentes de distintos puntos de Galicia figura o campión de España de Enganches en Limonera Individual, Carlos Castiñeira, e os subcampións en Limonera e Tronco por Equipos, Carlos Otero e José Manuel Suárez, que compartiron estes títulos tamén con Carlos Castiñeira. Ademais, competirán en Ponis un neno e unha nena de 10 e 11 anos que se perfilan xa como novas promesas desta disciplina hípica.


Outras propostas

Equina Galicia 2024, que rematará o domingo ao mediodía, ofrecerá ademais outras propostas relacionadas co mundo do cabalo, como son un espectáculo ecuestre, bautismo hípico e conferencias. Con respecto a estas últimas, acollerá dúas. A primeira delas, a cargo de ANCCE, centrarase nas novidades do Libro Xenealóxico do Cabalo

de Pura Raza Española e será impartida por Pedro J. Azor, subdirector do Libro

Xenealóxico. A segunda, impulsada pola Xunta de Galicia, versará sobre “EUnetHorse,

mellora da resiliencia e o rendemento do sector equino”, a cargo de Cristina Vierna, do

proxecto EUnetHorse.

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page