top of page

Equina Galicia 2025 chega a Silleda coas mellores ganderías e exemplares de seis países

Arranca dende hoxe ata domingo na  Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda)


Laura Moure/Silleda

Equina Galicia 2025, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde, arrinca hoxe, venres, na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda). Será a undécima edición deste evento, cuxa entrada será gratuíta para acceder a un programa con seis importantes competicións con preto de douscentos cabalos de seis países, ademais doutras propostas.


O evento, que terá lugar ata o domingo ao mediodía, comezará co XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE, de novo eixo principal de Equina e que volveu

conseguir a categoría tres estrelas. Por terceiro ano consecutivo a Real Asociación

Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o

máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e esforzo

organizativo, ademais de valorar o recinto.

Esta competición, que inclúe tanto morfoloxía como funcionalidade e se estenderá

durante os tres días, contará coa participación de 45 destacadas ganderías

procedentes non só da maioría de Comunidades españolas, senón tamén doutros

cinco países, como son Costa Rica, México, Italia, Francia e Bélxica. Un carácter

internacional que comezou a medrar fai tres anos e que volve situar a Equina na

axenda de ganderías estranxeiras que teñen cabalos competindo en España, os cales

participan a través de presentadores nacionais para puntuar de cara ao Campionato do

Mundo. Non en balde esta proba é clasificatoria para esta final mundial, que se

celebrará en Sevilla do 18 ao 23 de novembro no Salón Internacional de Pura Raza

Española (SICAB).


Participarán oitenta exemplares de pura raza española, convertendo esta cita nun dos

tres campionatos de España con maior número de participantes na categoría tres

estrelas. Unha importante presenza que permitirá a Equina cumprir un dos seus

principais obxectivos, dar a coñecer a importancia da gandería ecuestre.

Doma, enganches e equitación de traballo.


Ademais do morfofuncional, esta cita ecuestre contará con outras cinco competicións.

Tres delas centraranse o vindeiro sábado na doma clásica e contarán con 50 binomios,

sendo o VII Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, que conta co apoio

da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; a XXVI Copa Accega e o Territorial,

sendo este último clasificatorio para o Campionato Galego. A súa alta cifra de

participación consolida esta cita como a de maior participación de Galicia no que a

doma clásica refírese.


O venres pola tarde e o sábado celebrarase a II Proba da Federación de Equitación de

Traballo, a cal deu un salto cualitativo e cuantitativo. Así, ademais de ser puntuable

para os campionatos de Galicia e Castela-León, este ano tamén o é para o nacional e

conta co dobre de participantes que o ano pasado, sumando 15 binomios de Galicia,

Estremadura, Castela-A Mancha, Castela-León, Madrid, Aragón e Andalucía. Esta

modalidade centrada nas habilidades e destrezas do cabalo para o traballo co gando

no campo, incluirá novamente catro tipos de probas, que serán doma, manexabilidade,

velocidade e apartado de gando.

Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Xa o domingo sumarase a terceira proba das seis que compoñen o Campionato Galego

de Enganches. Puntuable tamén para o Campionato de España, contará con cinco

modalidades: Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas

pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo; Sulky, cun cabalo e unha

carruaxe con dúas rodas; Poni, orientada a nenos cunha carruaxe tirada por un poni e

proba libre para non federados. Entre a súa decena de participantes, procedentes de

distintos puntos de Galicia, figurará o actual subcampión de España de Limonera

Individual e tamén o subcampión de Tronco en Portugal.


Xa para público xeral, Equina recuperará o bautismo hípico, pensado para fomentar a

equitación como deporte entre os nenos e tamén para persoas con discapacidade ou

alteracións intelectuais e motoras, para as cales o contacto con estes animais supón

melloras cognitivas, físicas e emocionais. Nesta actividade, con cabalos cun

adestramento especial e que será conducida polo Club Hípico Amazonas (Ponte Caldelas), outorgaranse diplomas e medallas aos participantes.


Mesa redonda con destacados profesionais

Nesta edición a conferencia celebrada habitualmente en Equina destacará polo seu interese e a celebración dunha mesa redonda posterior con destacados profesionais do

sector. Baixo o título “O cabalo, proxección deportiva e condicións de traballo na

biodiversidade das ganderías”, contará coa participación de Cristina Vierna, técnica de

I+D+i do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) para o desenvolvemento de EUnetHorse,

o primeiro proxecto europeo dedicado ao mundo equino para dar resposta a como mellorar a resiliencia e rendemento do sector en Europa.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Así mesmo, intervirá Judit Anda, presidenta de Expasa e Yeguada de la Cartuja – Hierro del Bocado, unha entidade pública do estado que foi designada en 2019 como Centro Nacional de Referencia Zootécnica e que colabora co ministerio de Agricultura no desenvolvemento do programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras equinas.


Ademais, participarán Jaime Molina, director de ANCCE; Pedro Azor, subdirector do Libro Xenealóxico do PRE e director técnico do Programa de Mellora de ANCCE; Elena Blanco, xefa veterinaria do libro xenealóxico de Galicia e Asturias, e Eduardo Rodríguez, director técnico de Yeguada de la Cartuja – Hierro del Bocado.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page