Ten lugar na Feira Internacional de Galicia Abanca ata o domingo ao mediodía e acollerá tres concursos de doma clásica
Laura Moure/Silleda
Equina Galicia, organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde, celebra xa na Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda a súa décima edición, cuxa entrada é gratuíta. Ata as 14:30 horas do domingo acollerá seis competicións con máis de 200 cabalos de oito países, conferencias, un espectáculo ecuestre e bautismo hípico.
Este venres Equina Galicia 2024 centrouse no X Campionato de España Pura Raza Española- ANCCE de Galicia, concurso morfofuncional que é o eixo central do evento e valora tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos. Ao longo desta xornada desenvolveranse as seccións de poldros de 2 e 3 anos, eguas de 4 anos e sementais de 4, 5, 6 e 7 anos ou máis. Continuará mañá con máis seccións e o domingo cos premios especiais.

Este Campionato celébrase novamente coa categoría tres estrelas, xa que por terceiro ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e o esforzo na súa organización, ademais de valorar novamente as infraestruturas destinadas ao concurso na Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Esta competición conta coa participación de 55 destacadas ganderías, a maior cifra ata
o momento, as cales proceden non só da maioría de Comunidades Autónomas españolas, senón tamén doutros seis países, como son EE.UU, Nicaragua, Costa Rica, México, Italia e Bélxica. Un carácter internacional que comezou a crecer fai un par de anos e que nesta edición consolida a Equina na axenda de ganderías estranxeiras que teñen cabalos competindo en España, os cales participan a través de presentadores nacionais para puntuar de fronte ao Campionato do Mundo. Non en balde esta proba é clasificatoria para esta final mundial, a cal se celebrará en Sevilla do 19 ao 24 de novembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).
En total participan ata o domingo máis de noventa exemplares de pura raza española, convertendo esta cita nun dos tres campionatos de España con maior número de
participantes.
Unha proposta con concursos e outras actividades
Ademais do concurso morfofuncional, esta cita ecuestre contará con outras cinco importantes competicións. Tres delas centraranse mañá na doma clásica e contarán cunha cifra récord de 60 binomios (cabalo e xinete ou amazona), sendo o VI Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, que conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; a XXVI Copa Accega e o Territorial, este último clasificatorio para o Campionato Galego de Doma Clásica.
Publicidade
Tamén hoxe Equina Galicia acollerá por primeira vez probas puntuables para o Campionato de España de Equitación de Traballo, o cal se celebrará no marco de SICAB baixo regulamento ANCCE. Unha ducia de binomios de España e Portugal participarán nesta cita, a cal se corresponde cunha modalidade ecuestre centrada nas destrezas do cabalo para o traballo co gando no campo e que contará con catro tipos de probas, que serán doma, manexabilidade, velocidade e apartado de gando.
Xa o domingo sumarase a cuarta proba das seis que compoñen o Campionato Galego de Enganches. Puntuable para o Campionato de España ademais do galego, contará con tres modalidades, Limonera e Tronco, ambas as consistentes en carruaxes de catro rodas pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo, e tamén Ponis, orientada a nenos e cunha carruaxe tirada por un poni. Nesta ocasión a proba contará cun gran nivel, xa que entre a decena de participantes procedentes de distintos puntos de Galicia figura o campión de España de Enganches en Limonera Individual, Carlos Castiñeira, e os subcampións en Limonera e Tronco por Equipos, Carlos Otero e José Manuel Suárez, que compartiron estes títulos tamén con Carlos Castiñeira. Ademais, competirán en Ponis un neno e unha nena de 10 e 11 anos que se perfilan xa como novas promesas desta disciplina hípica.
Equina Galicia 2024 ofrecerá tamén outras propostas relacionadas co mundo do cabalo, como son un espectáculo ecuestre, bautismo hípico e conferencias. Con respecto a estas últimas, acollerá mañá dúas. A primeira delas, a cargo de ANCCE, centrarase nas novidades do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Española e será impartida por Pedro J. Azor, subdirector do Libro Xenealóxico. A segunda, impulsada pola Xunta de Galicia, versará sobre “EUnetHorse, mellora da resiliencia e o rendemento do sector equino”, a cargo de Cristina Vierna, do proxecto EUnetHorse.
Comments