“Entrena Emprego Rural” axudará en Silleda a desempregadas a reactivar a súa procura de emprego
- Laura Moure
- 2 may
- 2 Min. de lectura
Este programa gratuíto de orientación laboral guiará a mulleres do municipio co obxectivo de que poidan atopar un emprego e contactar con empresas
Laura Moure/Silleda
O programa “Entrena Emprego Rural”, unha iniciativa gratuíta de orientación laboral que guía a mulleres desempregadas de diferentes municipios de menos de 30.000 habitantes
de España, chega ao municipio de Silleda. Este programa ten como obxectivo reactivar a procura de emprego mediante novas técnicas e ferramentas dixitais que fomenten a súa
inserción. Máis de 60 mulleres participantes conseguiron un emprego nas tres edicións anteriores, desde o inicio do programa en 2024. A partir de xuño poñerase en marcha unha nova edición en varios puntos de España, entre eles, Silleda

Esta cuarta edición do programa, totalmente gratuíta e con prazas limitadas, desenvolverase entre xuño e outubro. A inscrición pode realizarse a partir do vindeiro luns día 5 a través do Concello chamando ao 986 592 037.
Un programa de mulleres para mulleres
Poderán participar mulleres desempregadas, maiores de 18 anos e residentes no municipio. Non se require un nivel específico de estudos (sen estudos, ESO, Formación Profesional, Bacharelato, graos universitarios, etc.) e poden proceder de calquera sector profesional, con ou sen experiencia previa. Traballarán de maneira colaborativa neste programa, que promove unha rede de apoio e coidado mutuo, co obxectivo de regresar ao mercado laboral e atopar a oportunidade profesional que están a buscar.
Publicidade
Formato semipresencial e actividades
As sesións realizaranse en formato flexible, tanto presencial como online, adaptándose ás necesidades das participantes. As mulleres contarán co asesoramento de especialistas da Fundación Santa María la Real para deseñar un novo itinerario de procura de emprego, definir o seu obxectivo profesional, actualizar o currículo, reforzar competencias transversais e habilidades dixitais, practicar entrevistas laborais, elaborar mapas de empregabilidade e realizar visitas a empresas en busca da súa inserción.
Publicidade
“Entrena Emprego Rural” está impulsado pola Fundación Santa María la Real e conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e a Fundación MAPFRE, no marco do Programa estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza (CCI 2021ES05SFPR003), así como coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Silleda. Este proxecto, iniciado en 2024, axudará nos próximos dous anos a preto de 300 mulleres desempregadas de zonas rurais de España a reactivar a súa procura de emprego.
Dende o Concello de Silleda, a concelleira de Igualdade de Silleda, Ángela Troitiño, salienta que “esta iniciativa supón unha grande oportunidade para as veciñas do noso municipio, xa que lles ofrece ferramentas prácticas, acompañamento e confianza para volveren ao mercado laboral. Desde o Concello animamos a todas as mulleres interesadas a inscribirse e participar activamente.”
Comments