Entre as comarcas de Deza e Tabeirós hai máis de 400 voluntarios en Cruz Vermella
- Laura Moure
- 23 feb
- 3 Min. de lectura
Máis de 120 persoas participaron onte en Vigo no encontro provincial desta entidade
Laura Moure/Deza
O voluntariado é un dos piares fundamentais de Cruz Vermella e grazas á súa implicación e compromiso a Organización Humanitaria pode desenvolver numerosos proxectos e actividades en toda a provincia. Co obxectivo de poñer en valor o labor que desenvolven, onte celebrouse en Vigo o Encontro Provincial de Voluntariado. No evento participaron máis 120 persoas voluntarias procedentes das oito asembleas comarcais que a Organización ten na provincia: Baixo Miño, O Condado, Deza, Pontevedra, Redondela, O Salnés, Tabeirós e Vigo.

O acto institucional celebrouse no Salón de actos do Museo Verbum – Casa das Palabras de Vigo e deu cun saúdo por parte de Purificación Serrano Caviedes, Presidenta Comarcal de Cruz Vermella en Vigo; María Teresa Álvarez Quicler, Presidenta Provincial de Cruz Vermella en Pontevedra; e Yolanda Aguilar, Concelleira de Política Social do Concello de Vigo.
A continuación, pasouse á presentación da campaña de voluntariado “A viaxe que te cambia”. Cristina Feijoo, voluntaria de Cruz Vermella desde o ano 2021 foi a encargada de dar a coñecer todos os detalles desta iniciativa. O evento seguiu coa intervención de Xiana Pérez, voluntaria da entidade que narrou a súa historia como acompañante e tradutora de tres persoas con discapacidade visual á Escola de Cans Guía en EEUU. Para finalizar, varias persoas voluntarias da provincia contaron a súa experiencia nas zonas máis críticas de Valencia, tras o paso da DANA o pasado mes de outubro, e onde desprazáronse para prestar apoio en diferentes labores: axuda na evacuación, traslado, atención psicosocial, limpeza e retirada de lodo e entullos, entrega de alimentos e artigos de primeira necesidade, etc. O evento foi conducido pola xornalista Laura López Álvarez.
Actualmente, en toda a provincia, Cruz Vermella conta con máis de 6.500 persoas voluntarias que achegan o seu tempo e coñecementos en axudar a outras persoas sen esperar nada a cambio e que investiron no último ano máis de 22.400 horas en accións voluntarias. Entre as comarcas de Deza e Tabeirós hai nestes momentos máis de 400 voluntarios/as, que desenvolveron no último ano máis de 2.600 horas de acción voluntaria para atender ás persoas máis vulnerables.
A viaxe que te cambia
Cruz Vermella lanzou a finais do ano pasado a campaña “A viaxe que te cambia” para sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer voluntariado. Baixo este título, a Organización pon en valor esa experiencia transformadora que viven todas as persoas cando se inician no voluntariado. Da mesma maneira que nunha viaxe, cando unha persoa empeza a facer voluntariado a súa vida é un antes e un despois, no que vive novas experiencias, entra en contacto con contextos diferentes, comeza a desenvolver novas habilidades e competencias, afronta novos retos e crea recordos inesquecibles grazas a que o voluntariado "te leva á túa mellor versión”.
A este respecto, a presidenta de Cruz Vermella Española lembra que "o voluntariado é unha viaxe que ten repercusión en quen o realiza”. E a ese respecto engade que “o voluntariado cambiou a miña vida e o meu modo de ver o mundo e fíxome ser consciente doutra realidade, onde hai persoas que viven en situación de desigualdade e que non poden desenvolver unha vida plena por determinadas circunstancias. Exercer o voluntariado fíxome ser consciente diso pero tamén me fixo ser consciente de que algo había que facer para dar resposta a estas situacións".
Más información en: https://www2.cruzroja.es/elviajequetecambia
Comments