top of page

Enerxétika 2024, unha oportunidade para probar vehículos con combustibles alternativos de última xeración e prestixiosas marcas

Haberá interesantes propostas de Tesla, Porsche, Audi, Volkwagen, Mercedes, Nissan, Lexus e Toyota, moitas das cales poderán ser conducidas polos visitantes


Laura Moure/Silleda

A feira Enerxétika, a cal celebrará a súa cuarta edición do 11 ao 13 de abril no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda), ofrecerá aos seus visitantes a posibilidade de coñecer as particularidades e vantaxes da mobilidade sostible a través de distintas propostas. Así, a súa área expositiva, mostrará vehículos eléctricos, híbridos e de hidróxeno de última xeración de prestixiosas marcas, podendo probarse boa parte deles

nos espazos exteriores do recinto.


Así, estará presente a firma Tesla, que permitirá conducir os seus eléctricos Model 3 e Model Y, ademais de expoñer este último modelo na súa zona expositiva. De man de Centro Porsche Vigo poderase ver e probar o modelo 100% eléctrico Porsche Taycan, estando en exposición o Taycan 4 Cross Turismo, o Taycan 4S e o Taycan 4S Cross Turismo.

Pola súa banda, RoferVigo mostrará os Nissan Ariya (100% eléctrico), Juke (Hybrid), Qashqai (e-POWER) e X-Trail (e-POWER), poñendo ao dispor do público unha unidade destes dous últimos para que poida experimentar a súa condución.


Así mesmo, o Grupo Breogán de automoción mostrará cinco modelos de Lexus, o RZ, primeiro vehículo desenvolvido baixo plataforma 100% eléctrica; o UX eléctrico, o Lexus NX na súa versión híbrida enchufable e dous híbridos autorrecargables, o novo LBX e a súa berlina de representación, o Lexus ES 300h. Ademais, expoñerá tres vehículos de hidróxeno de Toyota, dos cales un poderá ser probado polos asistentes.


Publicidade

Tamén Vepersa mostrarán os eléctricos Audi Q4, Volkswagen ID3 e Volkswagen ID Buzz, podéndose probar nas zonas exteriores do recinto os dous primeiros.


Por outra banda, os asistentes tamén poderán coñecer as características dun eléctrico de Mercedes que estará exposto no stand de Iberdrola.


Quedada de propietarios de vehículos de Tesla

O último día da feira, o sábado 13 de abril, a feira acollerá unha quedada organizada por unha asociación de propietarios de vehículos Tesla. Nela os asistentes realizarán un show cunha das funcionalidades destes vehículos, o seu espectáculo de luces, que permite acender as luces ao ritmo da música e mesmo abrir o maleteiro e as xanelas nalgúns modelos.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page