Enerxétika 2024 une forzas coa Federación de Empresas da Reforma e Rehabilitación de Galicia, que representa a máis de 700 entidades
- Laura Moure
- 16 mar 2024
- 2 Min. de lectura
Veñen de asinar un acordo de colaboración de cara a vindeira edición do certame, que terá lugar do 11 ao 13 de abril na Feira Internacional Abanca de Silleda
Laura Moure/Silleda
A feira de enerxía Enerxétika, a cal celebrará a súa cuarta edición do 11 ao 13 de abril na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda, uniu as súas forzas coa Federación de Asociacións de Empresas da Reforma e Rehabilitación de Galicia (FEDERGAL). Así, este certame vén de asinar un acordo de colaboración con esta agrupación que aglutina a seis importantes asociacións galegas como son a Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción de Galicia (ASEMACO), Asociación de Instaladores Eléctricos e de Telecomunicacións de Ourense e Provincia (INSTALECTRO), Asociación Industriais Electricistas e de Telecomunicacións de A Coruña (ASINEC), Asociación Empresarial de Instaladores de A Coruña (AGASCA), Asociación Galega de Construción (AGALCO) e Asociación de Empresas do Cerramento de Galicia (ACEGAL).

Un convenio que supón un gran respaldo para a feira e que ten como obxectivo que ambas as entidades cooperen en reforzar o interese de Enerxétika para empresas relacionadas coa pequena e mediana obra de reparación, reforma e rehabilitación.
Para iso, ademais de estar presente a nivel expositivo nun espazo cedido pola organización, FEDERGAL implicarase tanto en aspectos organizativos da feira como no seu programa, no que non só achegará o seu amplo coñecemento, senón que levará a cabo diversas propostas. Así, realizará xornadas técnicas, ademais de celebrar a súa asemblea de socios o último día de feira.
Publicidade
Unha federación con grandes cifras
A Federación de Asociacións de Empresas da Reforma e Rehabilitación de Galicia (FEDERGAL), a primeira do seu sector, foi creada no ano 2021 co obxectivo de representar os intereses cruzados de todas as empresas galegas que se dedican a este sector de actividade.
Publicidade
Aínda que naceu da unión de tres das asociacións que a conforman, posteriormente sumáronse outras tres entidades, dando lugar a unha federación con gran peso. Proba diso é que representan a máis de 700 empresas que xeran máis de 5.000 postos de traballo en Galicia.
Comments