top of page
Foto del escritorLaura Moure

Enerxétika 2024 presentou o seu espazo de innovación SIE dando protagonismo a cada un dos 11 proxectos seleccionados

Esta feira celébrase dende este xoves ata o sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda


Laura Moure/Silleda

A feira de enerxía Enerxétika, a cal se celebra dende estexoves ata o vindeiro sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda presentou onte o seu Salón da Innovación Enerxétika (SIE), un espazo que ten como obxectivo poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables. No acto participaron Fernando Blanco e Oriol Sarmiento, respectivamente

presidente e secretario do xurado independente encargado de avaliar as propostas remitidas para determinar as que finalmente teñen presenza neste espazo, o cal estivo composto por profesionais de recoñecido prestixio membros do Foro Enerxético de Galicia.


Como presidente Fernando Blanco destacou o alto nivel dos proxectos presentados, ao tempo que avogou pola necesidade de apostar pola innovación e a formación no sector da enerxía e subliñou a importancia do binomio dixitalización e enerxía para acadar os obxectivos desta década. Así mesmo, nesta presentación participaron representantes das empresas e entidades promotoras dos proxectos presentes no SIE, quen explicaron

brevemente as particularidades das súas propostas.


Presentados

Así, os participantes puideron ampliar a información contida nos paneis informativos do SIE, coñecendo detalles do proxecto Cetric, un servizo de recarga de vehículos para municipios integral e diferenciador por estar baseado nunha colaboración público-privada, presentado por ASV Soluciones Eficientes; do microinversor IQ8P de Enphase, presentado por Ecogal como o sistema máis seguro e máis potente do mercado para paneis solares; o proxecto de dixitalización de infraestruturas e xestión enerxética intelixente dos portos de

Moaña e Cambados que supón melloras significativas na súa eficiencia operativa e sustentabilidade ambiental, presentado por Edigal, e tamén dos dous proxectos de Energylab, o Aldealix, que ten como obxectivo poñer en valor e potenciar o uso de recursos forestais para xerar calor impulsando a creación de comunidades enerxéticas locais baseadas en astilla e biomasa forestal que incorporan ao mesmo tempo xeración fotovoltaica, e do Hydea, o cal pretende promover o uso de tecnoloxías baseada en hidróxeno verde procedente de renovables nos portos da área atlántica.


Tamén se explicaron os detalles do escudo térmico total de Fischer Ibérica, unha membrana illante con partículas microcerámicas con excelentes calidades como

illante térmico, impermeabilizante, anticondensacións e de resistencia ao lume que pode reducir os gastos de calefacción e aire acondicionado entre un 30-50%; do Makemake, intelixencia artificial aplicada á protección das aves que reduce o seu risco de colisión contra os aeroxeradores nos parques eólicos, que presenta Instra Ingenieros; do cargado de vehículos eléctricos Track S2, desenvolvido por Lumosa para ser un produto de uso sinxelo e intuitivo que se pode utilizar de forma doméstica ou empresarial; e do piloto de flexibilidade Nexusflex, que permite modular a demanda eléctrica a través da monitorización dos equipos de refrixeración para beneficiarse das horas máis baratas no mercado OMIE, presentado por Nexus Enerxía.

Ademais, sumáronse as descricións de cadro eléctrico Plug&Play, unha solución de Quadrisol-Sapol para a protección eléctrica de plantas fotovoltaicas que inclúe investidores solares, instalación de comunicacións para monitorear a produción e consumo e panel eléctrico coas respectivas proteccións, e tamén da tecnoloxía

Renovables y Sin Zanja, presentada por Sistemas de Perforación, a cal elimina a necesidade de realizar escavacións, reducindo o impacto ambiental, os custos e o

tempo de instalación.


Dous foros

Por outra banda, o certame Enerxétika 2024, o cal se celebra de forma paralela ao salón ExpoMunicipal, acolleu onte dous foros de gran relevancia para o sector nos que participaron un total de corenta expertos de diversos ámbitos e países, entre eles España, Portugal e Chile. Así, celebrouse o V Foro da Biomasa, organizado polo Clúster da Biomasa de Galicia co obxectivo de explorar o papel do sector da biomasa como

catalizador cara á neutralidade climática.


Na inauguración desta cita participou o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, quen agradeceu o compromiso do Clúster da Biomasa coa feira e resaltou tanto que Galicia é unha potencia en enerxías renovables como a especial relevancia da biomasa como fonte de enerxía térmica, á vez que considerou que o papel da administración é poñer as ferramentas necesarias para a transición enerxética, con liderado e de forma exemplarizante. Acompañouno o director da Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta, Jacobo Aboal, quen quixo subliñar a oportunidade da biomasa en solucións neutras, ademais de destacar o traballo do Clúster. Tamén estiveron presentes o presidente do Clúster da Biomasa, Francisco Álvarez, que aproveitou para agradecer o apoio institucional e tamén o da feira, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, quen destacou o traballo “cóbado con cóbado” para a feira co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e agradeceu o

apoio das dúas direccións xerais presentes.


A primeira sesión abordou a biomasa nas AAPP de Galicia, expoñendo a biomasa para usos enerxéticos na Axenda Enerxética de Galicia 2030, o proxecto Aldealix e o impulso nas Comunidades Enerxéticas baseadas na biomasa, as redes de calor con biomasa na Consellería de Educación e a viabilidade de redes de calor urbanas con biomasa en Galicia.


O segundo bloque centrouse no recurso forestal en Galicia e dixitalización. Con esta premisa analizáronse a evolución de superficies forestais en Galicia, o aproveitamento de masas actuais e a súa potencialidade, as necesidades de dixitalización e permisos de curta e fortra, leñas de calidade controlada nun mercado de 1 millón de toneladas e tamén a evolución do mercado das astillas enerxéticas e os requisitos de sustentabilidade. A terceira das sesións versou sobre os retos da biomasa no futuro mix enerxético.


Publicidade


Mesas redondas

Entre a segunda e a terceira sesión, o foro celebrou dúas interesantes mesas redondas. A primeira delas profundou no pellet de madeira, a súa evolución e novos escenarios regulatorios, mentres que a segunda fixo o propio coa descarbonización da industrial.


III Foro Iberoamericano de Enxeñeiros da Enerxía

Así mesmo, a feira acolleu esta mañá o III Foro Iberoamericano de Enxeñeiros da Enerxía, organizado polo Instituto Iberoamericano de Enxeñeiros da Enerxía– 3IE ENERGÍA, o cal analizou distintos aspectos relacionados co sector enerxético tanto en diversos países de Latinoamérica como na Península Ibérica. Así, expúxose a política enerxética en Portugal e tamén o mercado eléctrico chileno respecto a os retos de protección ao consumidor e a garantía de investimento. Así mesmo, falouse sobre hidróxeno verde, auditorías enerxéticas e a oportunidade para os Certificados de Aforro Enerxético, xestión enerxética industrial e casos de éxito na xestión de equipos auxiliares e sobre rehabilitación enerxética integral de edificios.


Sumáronse nos temas abordados a telexestión de alumeado e os centros de mando como nodos de comunicación, os refrixerantes ecolóxicos e a bomba de calor de CO2 Daitsu HT Prol para ACS, metodoloxía de avaliación socioeconómica de proxectos de transición enerxética en edificios públicos, mobilidade eléctrica respecto a infraestrutura eléctrica de recarga con subministracións en baixa e alta tensión en emprazamentos existentes dixitalización do mantemento eólico e ademais do sistema de detección e monitorización da avifauna na contorna de parques eólicos MakeMake.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page