top of page

Enerxétika 2024 abriu onte o seu programa de xornadas analizando o almacenamento de enerxía e transición enerxética en Galicia

A I Feira de Servizos Municipais celébrase dende onte ata hoxe na Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda


Laura Moure/Silleda

O certame Enerxétika 2024, que se celebra desde o xoves e ata hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda co apoio da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, abriu este venres o seu programa de conferencias coa xornada técnica “Almacenamento de enerxía e transición enerxética en Galicia”. Organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), foi inaugurada polo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, quen destacou a importancia de contar cunha feira do sector da enerxía en Galicia, que, considerou, nesta cuarta edición confirma o compromiso co certame tanto da Administración como do tecido empresarial. Así mesmo, sinalou a relevancia da vinculación da enerxía en proxectos industriais, aspecto que se abordou nalgunha das conferencias programas, por cuxo contido fixo un breve percorrido.


Tras a inauguración, na primeira das conferencias expuxéronse as alternativas de almacenamento enerxético e potencial de desenvolvemento, sendo o encargado de facelo Luis Miguel Varela, catedrático de Física da Materia Condensada da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Seguidamente desenvolveuse un bloque temático sobre retos, mercados e infraestruturas. Nel David Alvira, xefe do departamento Centro de Control Enerxético en Redeia, falou de almacenamento enerxético e retos e necesidades para a operación segura do sistema eléctrico; Rafael Gómez-Elvira, director de Relacións Institucionais e Marketing en OMIE, explicou a integración do almacenamento enerxético no mercado eléctrico europeo; e Alberto Suárez, delegado do grupo Naturgy en Galicia e director da Zona Norte de UFD, centrouse nas redes de distribución na integración de sistemas de almacenamento enerxético.


O seguinte bloque enfocouse en industria e tecnoloxía, sendo tres os aspectos que se trataron. Por unha banda, debullou o desenvolvemento industrial e transición enerxética en Galicia Patricia Rodríguez, subdirectora xeral de Proxectos da Secretaría Xeral de Industria da Xunta de Galicia. Tamén se abordaron os novos modelos de negocio asociados ao despregamento do almacenamento enerxético, por parte de Santiago Rodríguez, director da División de Enerxía no Instituto Tecnolóxico de Galicia; e ademais as alternativas de obtención e usos en sistemas de almacenamento de enerxía respecto ao hidróxeno verde, de man de Joaquín Grassi, técnico da Unidade de Tecnoloxías da Enerxía en EnergyLab.


Liñas de apoio

Na última das conferencias desta xornada organizada polo Instituto Enerxético de Galicia a súa xerente, Vanessa Cal, deu a coñecer as liñas de apoio e incentivos da entidade. A continuación, pechou este encontro o secretario xeral de Industria da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez.


A I Feira de Servizos Municipais, ExpoMunicipal 2024 acolleu tamén o congreso “Concellos 2030”. Esta interesante cita cumpriu o seu obxectivo de compartir información sobre sustentabilidade entre técnicos e responsables das administracións locais e empresas ligadas á xestión dos recursos públicos. Así participou unha trintena de relatoras e foron máis de 340 persoas as que acudiron aos relatorios e mesas redondas centradas no ciclo de auga, o aforro enerxético, a xestión dos residuos e a mobilidade urbana, piares básicos para conseguir concellos máis sostibles.


Se a xornada deste xoves se centrou integramente na xestión de residuos, sumáronse os outros tres bloques temáticos. O primeiro deles, sobre enerxía, comezou expoñendo a axenda enerxética galega, para logo falar do bio metano de man de Prezero e tamén da implantación de renovables e eficiencia enerxética no concello de Lugo, por parte de Miguel Ángel Negra, xefe do servizo de Medio Ambiente.


En canto á auga, Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia, expuxo a nova lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. O modelo de colaboración público-privada e Perte de dixitalización de AquaOurense explicouno Víctor Comesaña, responsable técnico de AquaOurense, e Javier Bobe, director da área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, mentres que José Ramón Vázquez, xefe de departamento comercial zona norte de Aqualia Industrial, foi o encargado de falar de estacións compactas de tratamento para pequenos núcleos de poboación. Ademais, levouse a cabo unha mesa redonda sobre retos das entidades locais galegas para os próximos anos, con representantes de Augas de Galicia, Viaqua, Aqualia e Espina&Delfín.


Publicidade

Por último, abordouse a mobilidade. Un plan de mobilidade do século XXI foi o que describiu na súa intervención José Luis Cañavate, urbanista experto en mobilidade, mentres que as áreas de servizos para autocaravanas foron o tema abordado por Fabrizio Muzzati e Mireya Palau, de Aquiestoy Caravaning.


Finalmente expuxéronse casos de éxito, como o proxecto BiciCoruña e realizouse unha mesa redonda sobre mobilidade e traballo.


Demostracións e presentacións

O programa da feira acolle tamén demostracións dos produtos e servizos presentados polos expositores, que na xornada de hoxe foron moi numerosos. Así, os visitante puideron ver mostras de limpeza viaria de alta presión con maquinaria de gran autonomía e mínimo impacto sobre o firme, aspiración de follas con equipos de alta capacidade, triturado de ramas con máquinas dotadas de amplas tolvas, roza con mecanismos de control remoto sobre orugas para segar en condicións extremas, desatasque con novos dispositivos de presión, simulación de limpeza de praias con innovadores equipos ou o funcionamento

de softwares de detección de irregularidades catastrais mediante o uso de intelixencia artificial.


Así mesmo, realizáronse outras actividades, como presentacións de servizos e proxectos e tamén catas de augas.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page