top of page

En Silleda o persoal de ADIF tivo que retirar unha árbore que cortaba a circulación ferroviaria

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A metereoloxía adversa deixa máis de 1.200 incidencias na comunidade galega, segundo os datos recollidos polo 112 Galicia


Laura Moure/Xeral

Desde o mediodía do mércores ata as 18 horas de hoxe, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias rexistrou un total de 1.265 incidentes relacionados cos episodios de meteoroloxía adversa que afectan a Galicia. Nas últimas doce horas contabilizáronse 709, entre elas en concellos das comarcas, como Melide ou Silleda.


As relacionadas coa caída de árbores e pólas nas vías de circulación continúan a ser as máis frecuentes (766), seguidas das actuacións dos servizos de emerxencia para previr riscos, como pode ser a retirada de tellas soltas (136), dos postes e cables de luz ou electricidade nas estradas (135), os restos de accidentes e derrubamento de terra ou pedras (75) ou os carteis e sinais de tráfico desprazados (30). Os anegamentos en estradas (16) ou vivendas (12) foron menos frecuentes.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

Por provincias

Por outra banda, a provincia máis afectada pola meteoroloxía adversa é a de Pontevedra, con 461 incidencias. Séguena A Coruña, con 444; Lugo, con 220, e Ourense, cun total de 133. Sete incidencias correspóndense con avisos pertencentes a outras comunidades autónomas.


Precisamente, na provincia de Pontevedra atópanse os tres concellos con máis incidentes rexistrados polo 112 Galicia: Vigo (49), A Estrada (39) e Pontevedra (37). Na Coruña destacamos Santiago (35), Ferrol (20) e A Coruña (17). En Lugo, Vilalba (16) e Lugo (18). Por último, en Ourense, Muíños suma 8 incidencias, Ourense 7 e San Cibrao das Viñas, 5.


Incidencias destacadas As árbores e pólas continúan obstaculizando o tráfico, sobre todo en estradas secundarias. Tamén se rexistraron casos de árbores que cortaban parcialmente a circulación en vías como a AG-46, a PO-315, a PO-313, a PO-230 ou a AP-9. Foron múltiples particulares os que deron aviso ao 112 Galicia ao longo da tarde.


Con todo, o incidente máis relevante relacionado coa caída de árbores foi un accidente laboral que ocorreu no lugar de Xestelas, na parroquia de Mariz (Guitiriz). Neste, o condutor dun camión tivo que ser atendido polos servizos sanitarios tras caer unha árbore sobre o seu vehículo cando estaba manipulando a grúa. No operativo interviñeron o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, o GES de Friol-Palas e os voluntarios de Protección Civil de Guitiriz.


En Silleda, o persoal de ADIF retirou unha árbore que cortaba a circulación ferroviaria. Un particular informou ao 112 Galicia ás 8:30 horas, e desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse aos axentes da Garda Civil.


Os derrubamentos de terra e pedras tamén provocaron a acción dos servizos de emerxencias. Por exemplo, no quilómetro 95 da AP-9, en Pontecesures, sen danos persoais, ou no lugar de Cascardoso (Covelo), no que un particular alertaba pasadas as 15 horas de que a raíz dun escorregamento de terra estaba a entrarlle auga na vivenda.


En Santiago desprendéronse partes dun muro da avenida de Quiroga Palacios, como explicaba un particular contra as 13 horas. E, por último, outra parede caeu enriba duns vehículos na rúa de Faustino Santalices (Ourense). Tamén foi un alertador particular quen informou ao 112 Galicia, ás 16:30 horas.


Para finalizar, durante o día de hoxe zonas de diversos municipios permaneceron sen iluminación, como tivo constancia o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias. Por exemplo, Camiño dos Campos (Matamá), o pobo de Manide (Aranga) ou as parroquias de Vilarpunteiro (Baralla) e A Illa (Entrimo).


Concellos das comarcas tamén alertaban de incidencias, como é por exemplo, o caso de Melide e de Silleda.


"Complicada mañá no concello de Melide por mor das adversas condicións metereolóxicas. A brigada de obras municipal leva máis de 20 intervencións no que vai de xornada, con numerosas árbores caídas ao longo de todo o municipio", informou ao mediodía o Concello de Melide.


A brigada de obras traballando en Melide.

Tamén os equipos municipais actuaron en diversos puntos dende primeira hora da mañá no municipio de Silleda, tal e como informou a primeira hora da tarde o propio Concello, onde se rexistraron sobre todo caída de ábores, danos en viais e algún que outro anegamento.


Policía Local, efectivos do Parque Intercomarcal de Bombeiros, e personal do departamento de Obras e Servizos participou no operativo.


Publicidade


En Laro caeu unha árbore de grandes dimensións que obstaculizou o paso cara o lugar de O Pereiro. Tamén se rexistraron caídas de árbores en Abades (en Bazar e Reboreda), en Pazos, e outro que se precipitou xunto ao centro de saúde de Bandeira.


As fortes choivas causaron anegamentos no lugar de A Brea, en Cortegada, en Toxa e

provocaron socavóns en lugares como Gamil, na carretera que une Rellas e Margaride.


Tamén se deu aviso do perigo dun poste de telefonía en Mánduas, entre A Moa e o lugar de Andamollo.


NOTICIA RELACIONADA:

0 comentarios

Opmerkingen


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page