top of page

En marcha unha nova campaña arqueolóxica no campamento de Ciadella en Sobrado dos Monxes

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A actuación conta cun investimento de 200.000 euros e durará nove meses


Laura Moure/Sobrado dos Monxes

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o campamento romano de Ciadella para anunciar que a Xunta de Galicia puxo en marcha unha nova campaña arqueolóxica neste espazo do concello de Sobrado, co fin de dar continuidade as actuacións impulsadas polo Goberno galego nos últimos anos que, no seu conxunto, suman un investimento de 600.000 euros. Así, dende o martes 2 de novembro e durante nove meses, un equipo de arqueólogos e restauradores traballará para poñer en valor este asentamento militar e difundir a súa importancia entre a cidadanía.

Trenor explicou que o proxecto conta cun investimento de 200.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, centrarase en investigar, escavar, consolidar, acondicionar e sinalizar unha serie de espazos e estruturas arqueolóxicas que están situadas na zona central do campamento e no que xa se desenvolveron diversas actuacións con anterioridade.


Concretamente, actuarase sobre unha superficie de 2.565 metros cadrados nos que se atopa o denominado principia, unha edificación duns 1.200 metros cadrados que funcionaba como cuartel xeral e espazo medular do forte romano, e a via principalis, a arteria viaria do campamento que comunicaba as catro portas do forte. Para completar os traballos instalaranse sinais no interior do xacemento que faciliten que os visitantes poidan realizar un percorrido auto guiado a través de códigos QR nos que se poderán descargar vídeos explicativos sobre as características xerais do xacemento e das diferentes estruturas arqueolóxicas conservadas. Así mesmo, organizaranse accións de divulgación para difundir os traballos realizados entre a cidadanía a través de publicacións en redes sociais, obradoiros ou visitas guiadas.


Esta nova campaña súmase aos traballos que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade leva a cabo neste xacemento arqueolóxico desde o ano 2016, cando se impulsou a primeira escavación no sector noroeste da muralla. A última intervención fíxose o pasado en colaboración coa Universidade de Vigo. Nesa ocasión, os traballos permitiron que o asentamento militar renacese debaixo da vexetación sacando á luz un gran horreum de planta rectangular destinado a gardar os alimentos das tropas ou a documentación dun pórtico monumental no edificio principal que supón un exemplo único do Imperio Romano neste tipo de construcións. Así mesmo, tamén foi posible definir as fases cronolóxicas de ocupación deste xacemento, determinando que a súa construción foi no século I despois de Cristo, o que supón que se realizou catro décadas antes do que se pensaba.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page