A empresa Taboada e Ramos está a realizar a renovación de todo o firme cun investimento de case 70.000 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa ca realización de proxectos para a mellora viaria do municipio. Así, e con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2021-2022 (coñecido como Plan Marco) estase xa a executar a
reforma integral de dous viais na parroquia de Escuadro. Trátase das pistas de Cumbraos e Balántiga, dous tramos que acusan un notable deterioro e que se atopan nunha zona cunha alta concentración de explotacións agrogandeiras.
Os traballos están a ser executados pola firma Taboada y Ramos, adxudicataria desta actuación porun importe de 69.340,70 euros. Nos últimos meses tamén con cargo ao citado Plan Marco, executouse a mellora integral do vial Negreiros-O Castro, unha das pistas máis transitadas da zona. Os traballos nestas dúas pistas de Escuadro rematarán nos vindeiros días. O alcalde, Manuel Cuiña, e o concelleiro de Obras, Antonio Ferro Losada, visitaron os traballos na localidade de Escuadro.
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_e7ce0345e28243c1862b297142be832e~mv2.jpeg/v1/fill/w_980,h_735,al_c,q_85,usm_0.66_1.00_0.01,enc_auto/0216be_e7ce0345e28243c1862b297142be832e~mv2.jpeg)
Investimento de máis de 600.000 euros
Tamén está previsto que en breve se someta a licitación o proxecto de mellora viaria do Plan Concellos 2021, cun investimento de máis de 600.000 euros en vías do rural. Nas obras que se executarán figuran un tramo do vial de entronque ca glorieta da PO-211, dende o recinto feiral Semana Verde, -en Silleda- e a mellora do acceso e tamén da explanada do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira. Neste caso trátase dun tramo que se atopa en mal estado e que conecta cunha das circunvalacións arranxadas nos últimos anos, e tamén do acceso ao centro educativo que utilizan a diario as persoas usuarias do
centro e o transporte escolar.
Xa na zona rural o plan de mellora viaria inclue actuacións en distintas parroquias. Así, levaranse a cabo obras de mellora en Ponte (no vial que une Espiño e Carderrei e tamén no vial de entronque ca PO-205 que dá acceso a varios lugares).
Na parroquia de Vilar arranxarase o vial entre O Barral e Mazarelos e en Carboeiro outros dous tramos: un en Carboeiriño e o que une este último lugar ca parroquia de Ansemil, con case 1 kilómetro de lonxitude.
En Lamela actuarase nun tramo de 1.095 metros dende o acceso da N-525 na Goleta atra o lugar de Vilariño.
Tamén con cargo a este plan de actuación se mellorará a pista central da parroquia de Dornelas, con algo máis de 2, 4 kilómetros de lonxitude. Nesta zona figura tamén o vial do Curro, na parroquia de Cira, dende o entronque ca EP7017.
Inclúese tamén a reforma integral do vial dende Riocalvo ata Rellas, pasando por Gamil, en Margaride; así coma o tramo de estrada que vai dende a N-640 en Moalde en dirección a Olives, tamén con máis de 1,3 quilómetros de lonxitude. Completan o proxecto dous viais na parroquia de Taboada: o tramo desde Trasdovalo ata Ponte Taboada e o que vai dende a estrada N-525 ata o lugar de Carballeda.
En todas elas acometerase a mellora do firme cunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente.
留言