top of page
Foto del escritorecosdacomarca

En abril arrancarán a prospección e escavación con sondaxes nos castros de Bendoiro e Montaz

A Deputación de Pontevedra e o Centro Superior de Investigacións Científicas promoven un novo ciclo de charlas divulgativas que chegarán tamén a Lalín e Silleda


Laura Moure/Deza

O apaixonante mundo dos xacementos arqueolóxicos centra o novo ciclo de charlas divulgativas que a Deputación de Pontevedra vai iniciar neste mes de marzo en colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). As actividades, que se enmarcan no convenio de ambas institucións para a investigación e posta en valor como recurso turístico dos castros da provincia, inclúen conferencias abertas á cidadanía e outras máis específicas dirixidas a escolares, coas que precisamente comezará o ciclo o vindeiro día 26 de marzo.


Deste xeito, o IES Chano Piñeiro de Forcarei acollerá nesa xornada a primeira das charlas, a cargo de Noemí Silva Sánchez, e que levará por título Como podemos reconstruír as paisaxes do pasado, mentres que o 9 de abril César Parcero-Oubiña falará no IES Pintor Colmeiro de Silleda sobre como Facer arqueoloxía sen escavar a terra. Noemí Silva é doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago e investigadora do Incipit (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e o seu ámbito de estudo céntrase na interrelación entre o ser humano e o medio ambiente. César Parcero é doutor en Historia pola USC e científico titular do CSIC, destinado no Incipit desde o ano 2006, onde é coordinador da especialidade de tecnoloxías xeoespaciais e participante na especialidade de arqueoloxía.


No caso das charlas abertas á cidadanía, iniciaranse o 17 de abril en Cuntis coa titulada As persoas habitantes de Castrolandín, que correrá a cargo de Carlos Otero Vilariño e que terá lugar, se as condicións sanitarias e climatolóxicas o permiten, no citado castro. Otero Vilariño é arqueólogo e colaborador do Incipit, cunha ampla experiencia na dirección de importantes actuacións na provincia, entre elas a última escavación realizada en Castrolandín. Ademais, é investigador e ten realizado publicacións en revistas científicas sobre arqueoloxía en Galicia e Guinea Ecuatorial.


Doutra banda, tamén no vindeiro mes de abril está prevista outra conferencia en Lalín, que versará sobre O ouro dos castros. O programa da Deputación e o CSIC tamén contempla, neste caso no ámbito da formación, a celebración dun curso sobre Fluorescencia de Raios X no Pazo de Liñares, que terá lugar en maio e está dirixido a profesionais do sector. En canto á Semana Internacional da Arqueoloxía, que se conmemorará a finais de xullo, o Centro de Xestión Arqueolóxica do Pazo acollerá o día 28 unha xornada de portas abertas, onde as persoas que o visiten poderán coñecer o laboratorio e os procesos de traballo que alí se desenvolven, así como os materiais investigados.


Intervencións

Estas iniciativas de divulgación e formación complementan as principais liñas de investigación que recolle o convenio entre ambas institucións. Deste xeito, prevese que no mes de abril comecen tamén as tarefas previstas de prospección e escavación con sondaxes nos xacementos arqueolóxicos do Castro de Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Castro Montaz (Silleda). En fases posteriores levarase a cabo un estudo arqueometalúrxico de materiais, así como a elaboración dun plan director sobre a valoración destes recursos desde a perspectiva científica e turística.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page