top of page

+Emprega permitirá a 70 mozos ter unha primeira experiencia laboral en 35 concellos, tres de Deza

O proxecto da Deputación de Pontevedra desenvolverase entre 2024 e 2025 e os concellos de menos de 50.000 habitantes recibirán axudas entre 12.000 e 50.000 euros


Ecos da Comarca/Deza

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou onte que a Xunta de Goberno provincial aprobou a relación de concellos da provincia, tres de Deza, que se beneficiarán do proxecto +Emprega que, cun orzamento de 1,1 millóns de euros para os anos 2024 e 2025, busca dotar a mozos desempregados dunha primeira experiencia profesional.

En concreto, a iniciativa, que forma parte do novo programa +Emprega, permitirá que 35 concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar 72 contratos formativos. O obxectivo é promover a inclusión social, así como o desenvolvemento económico e social da provincia, a través da mellora da empregabilidade dos cidadáns. “Seguimos sumando e avanzado con proxectos para fomentar o emprego que supoñen, tamén, mellorar a calidade da vida da veciñanza de Pontevedra. Esta é a maneira de que a provincia siga indo a máis”, asegurou Luis López.


Os 35 concellos beneficiarios desta iniciativa, A Cañiza, A Guarda, A Illa de Arousa, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Covelo, Crecente, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz-Balneario, Moraña, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Ponteareas, Pontecesures, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, recibirán axudas que irán dos 12.000 aos máis de 50.000 euros, segundo o número de contratacións e o nivel de estudo das persoas contratadas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Deste xeito, dos 72 contratos formativos que se realizarán nos concellos, 42 serán para persoas cunha licenciatura, grao ou diplomatura; 19 para aquelas con ciclos superiores de Formación Profesional e 11 para as que rematasen ciclos medios. No relativo aos concellos, cinco teñen menos de 3.000 habitantes e van contratar a unha persoa; 16 teñen entre 3.000 e 10.000 habitantes e deles, 12 van contratar a dúas persoas e catro a unha, e dos 14 concellos de entre 10.000 e 50.000 habitantes, 12 van contratar a tres persoas, un a dúas e outro a unha.


A partir de agora, tal e como explicou o presidente da Deputación, comeza a segunda fase deste proxecto, que consiste na selección das persoas beneficiarias destes contratos formativos, que deberán comezar o 1 ou o 15 de novembro deste ano. Os concellos serán os encargados das contratacións, ben a través do Servizo Público de Emprego ou das súas propias convocatorias.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page