'Emerxe Ulla' chega a Agolada, Antas, Arzúa, Monterroso, Palas, Santiso, Silleda, Touro e Cruces
- Laura Moure
- 25 ene 2022
- 1 Min. de lectura
É un programa da Rede de Dinaminación Lingüística da Xunta que promove distintos espectáculos en distintos municipios, entre estes nove das comarcas
Laura Moure/Xeral
Emerxe Ulla é un programa da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta que promove distintos espectáculos en distintos municipios que están relacionados xeograficamente co río Ulla. Entre estes figuran nove das comarcas: Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Monterroso, Palas de Rei, Santiso, Silleda, Touro e Vila de Cruces. De momento, só coñecemos a data na que se levará a cabo na localidade agoladesa que será o día 28 deste mes.
Fernando Dorado en Agolada
A cita en Agolada será ese día ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares. Neste caso será un concerto protagonizado por Fernando Dorado, a quen lle encanta escribir cancións e cantalas. O seu estilo non se pode definir, porque simplemente abárcaos todos. Dalle forma a un espectáculo asequible e agradable para calquera idade e condición.

Toca varios instrumentos: guitarra, armónica, ukelele, mandolina, teclado, percusión...e por suposto, canta. Ademais, interpretou as súas cancións en incontables concertos, nos que ninguén se sente incómodo. E as súas letras contan historias e sempre deixan unha mensaxe no corazón do oínte.
Así mesmo, gravou un disco en Radio 3 de RNE, xa que despois de que o escoitaran convidárono a gravar alí os seus temas. Ademais ten outro con cancións da súa propia creación gravado na Radio Galega, no estudo 5 da Casa da Radio.
Cabe mencionar que ademais dos nove concellos das comarcas esta iniciativa tamén chegará a A Estrada, Boqueixón, Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo, Teo, Valga e Vedra, o que supón 19 en total. .
Comments