Eloy Pérez aposta por mellorar a conexión de Monterroso coa A-54 "para facelo máis atractivo"
- ecosdacomarca
- 6 abr 2023
- 2 Min. de lectura
Para dar resposta á demanda dos veciños de contar cunha conexión directa coa autovía Lugo – Santiago, o popular cre que “é viable ampliar unha vía de titularidade provincial”
Ecos da Comarca/Monterroso
O candidato do PP á Alcaldía de Monterros, Eloy Pérez, está a traballar nun proxecto para “impulsar Monterroso como o principal concello da Ulloa”. O Partido Popular cre no seu potencial e defende iniciativas coas que “impulsar o seu crecemento, garantir os servizos aos nosos veciños e veciñas e, polo tanto, facelo máis atractivo para vivir e traballar”. Unha das súas propostas, que tivo ocasión de trasladar ao presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, durante unha xuntanza de traballo, é a de mellorar as comunicacións de Monterroso e do polígono empresarial coa autovía A-54 (Lugo- Santiago) cun dobre obxectivo: asentar poboación e empresas.

Concretamente, o popular cre que “é “viable ampliar a vía de titularidade provincial que comunica Monterroso co enlace da autovía” para que estea en condicións de soportar maior volume de tráfico e a circulación de vehículos pesados. Deste xeito, daríase resposta a “unha demanda dos veciños e veciñas de Monterroso”, incide.
Eloy Pérez subliña a importancia de que “as distintas administracións sexan sensibles coas necesidades en materia de comunicación que teñen os concellos de interior, como é o caso de Monterroso, como medida para intentar evitar que a poboación prefira marchar cara a outras zonas”.
"Monterroso, unha vila atractiva para vivir e emprender"
O popular defende que “Monterroso é a vila da comarca que máis poboación atrae para vivir e tamén a máis atractiva para recibir visitantes durante a temporada alta de turismo”. Polo tanto, “a mellora das comunicacións sería fundamental para apoiar estas tendencias”. Así mesmo, lembra que “as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) de Galicia sitúan a Monterroso como un dos 24 nodos para o equilibrio do territorio”.
Eloy Pérez subliña tamén a importancia de mellorar as conexións do polígono industrial coa vía de alta capacidade que pasa pola Ulloa para que “sexa máis competitivo” e resulte máis chamativo para o asentamento de novas empresas. De feito, “o proxecto do Partido Popular quere apoiar o emprendemento e reter o talento local para que trala súa formación se queden a vivir e traballar en Monterroso”.
Comentários