ECOS DA COMARCA seleccionada no II programa de crecemento empresarial da Deputación en Lalín
- ecosdacomarca
- 5 dic 2023
- 2 Min. de lectura
Forman parte deste plan formativo seis proxectos emprendedores das comarcas de Deza e de Terra de Montes
Ecos da Comarca/Deza
O Programa de crecemento empresarial da Deputación arranca este martes no Viveiro de Empresas do Polígono Industrial Lalín 2000 coa participación de seis proxectos emprendedores vinculados aos concellos da Estrada, Lalín e Silleda. Trátase de iniciativas empresariais en fase inicial e de consolidación centradas na economía social, na alimentación, na comunicación, no benestar de mascotas e na organización de xuntanzas e de obradoiros dirixidos a mulleres rurais. E entre estas iniciativas figura ECOS DA COMARCA.

A partir deste martes e ata o 15 de febreiro de 2024 as persoas participantes recibirán un completo programa formativo que as axudará a lanzar ou consolidar os seus proxectos emprendedores.
Publicidade
María Dolores Méndez, da Estrada, participará no Programa de crecemento empresarial da Deputación en Lalín con Mulleres Rurais Avelina Valladares, unha asociación sen ánimo de lucro que busca recoñecer o traballo das mulleres mediante obradoiros e actividades relacionadas coa muller no rural. Pola súa banda, Cristina González Salgado, de Silleda, procurará impulsar Amarelas, unha empresa de economía social que pretende compartir o valor da terra a través do turismo sostible e creativo, e contribuír ao desenvolvemento local e promover prácticas turísticas éticas e respectuosas.
Publicidade
De Lalín participarán un total de catro proxectos liderados por José Luis Valladares (“Plazeite”), Laura Moure Miguélez (Ecos da Comarca), Silvia Ferreiro Taboada (Viralatas Petshop) e Silvia Panadeiros Vence (Eventos Work). “Plazeite” trátase dun proxecto de venda de aceite de provedores nacionais; Ecos da Comarca é un medio de comunicación para cubrir as necesidades dos concellos da contorna de Lalín; Viralatas Petshop é unha tenda de produtos de alta calidade para o benestar das mascotas, desde alimentación ata saúde, descanso, paseo ou xoguetes; e Eventos Work trátase dunha iniciativa para organizar eventos gastronómicos.
Ao longo dos próximos meses, estas seis iniciativas emprendedoras das comarcas de Deza e Terra de Montes participarán nun completo programa formativo que abrangue sesións de formación grupais, de carácter dinámico e innovador, para potencialas ao máximo e favorecer a colaboración e creación de sinerxías entre as e os participantes.
Publicidade
Ademais, tamén recibirán asesoramento personalizado e individualizado para afondar en temas vinculados á competitividade, ao emprendemento, á identidade corporativa ou ás novas tecnoloxías.
En concreto, aprenderán sobre modelos de negocio, plan de empresa e plan de márketing dixital, redes sociais, márketing de contidos, finanzas e fiscalidade para emprendedores, a metodoloxía Lego Serious Play, ou adestramento ao aire libre, entre outras.
Comentarios