Ata este venres atenderase á veciñanza no Casa Consistorial e o vindeiro luns os servizos municipais estarán xa operativos no outro edificio e manterase o mesmo horario
Laura Moure/Dozón
O Concello de Dozón trasladará esta fin de semana os servizos das oficinas municipais ao edificio do antigo albergue -situado a carón das piscinas- por mor do comezo das obras de rehabilitación da Casa Consistorial, a través do proxecto incluído no programa provincial Reacpon e que suporá un investimento de 405.381 euros. O alcalde, Adolfo Campos Vázquez, adiantou hoxe que ata este venres atenderase á veciñanza aínda no Consistorio, pero o vindeiro luns os servizos municipais estarán xa operativos no antigo albergue, mantendo o mesmo horario de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres.

Segundo avanzou, esta “reubicación temporal” prolongarase aproximadamente durante seis meses, mentres se executa o proxecto de rehabilitación do edificio, que incluirá unha redistribución dos espazos para concentrar no andar de entrada todas as estancias vinculadas á atención ao público, mentres que no primeiro andar se situarán as dependencias de administración.
A actuación prevista tamén incluirá a dixitalización do inmoble e a búsqueda dunha maior eficiencia enerxética, tanto coa incorporación de alumeado LED como pola mellora das condicións térmicas. Ademais, tamén se dotará dunha Oficina de Igualdade e doutra Oficina de Información aos Peregrinos.
En canto ao financiamento do proxecto, o rexedor local resaltou a aportación do 85% da Deputación de Pontevedra con cargo ao plan Reacpon (333.339 euros) e tamén a aportación municipal do 15% restante (72.042 euros). A maiores, anunciou que está a xestionar coa Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia fondos adicionais para completar o equipamento do edificio.
댓글