top of page

Dozón propón un prezo de 0,40 euros por metro cadrado ao mes polo aluguer no viveiro de empresas

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O alcalde, Adolfo Campos Vázquez, prevé que poida estar “ocupado e plenamente operativo” antes do verán

O viveiro de empresas de Dozón.


Laura Moure/Dozón

O alcalde de Dozón, Adolfo Campos Vázquez, avanzou hoxe que o goberno local someterá a aprobación no pleno de pasado mañá, luns, a ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola utilización do novo viveiro de empresas. Dita proposta establece para os adxudicatarios dos espazos dispoñibles un prezo mensual de 0,40 euros por metro cadrado de superficie útil, cantidade á que deberá engadírselle o IVE correspondente.


A maiores desta taxa polo aluguer do espazo durante o período de concesión, os usuarios deberán asumir os gastos polo subministro de auga, a recollida de lixo, o consumo de enerxía eléctrica, as comunicacións telefónicas ou calquera outro custo de material de oficina ou servizos de comunicación.


O rexedor local avanzou a previsión de que o novo viveiro de empresas “poida estar ocupado e plenamente operativo” antes do verán. Para iso, tras a aprobación da ordenanza fiscal, os seguintes pasos administrativos serán a aprobación da normativa reguladora do viveiro e a convocatoria do proceso para a recepción e selección de candidatos a instalarse nel.


Segundo explicou o rexedor, o viveiro de empresas consta de dúas naves independentes, de 240 metros cadrados de superficie, que están dotadas de área de oficinas, zona de servizos e espazo industrial e de produción. A construción destas instalacións, que acometeu a firma Ferradás González S.L., supuxo un investimento de 278.000 euros, dos cales o 20% foi aportado polo Concello de Dozón e o 80% restante a través dunha achega da Consellería de Economía, Empresa e Innovación.


Xeración de emprego

En canto aos criterios que rexerán o proceso de selección dos usuarios, Adolfo Campos sinalou que o obxectivo é “priorizar os proxectos industriais e produtivos que contribúan a xerar emprego e riqueza en Dozón”. Neste senso, manifestou que xa recibiron diferentes consultas nos últimos meses sobre as condicións do aluguer dos espazos, se ben algunhas xa foron descartadas porque simplemente eran firmas que precisaban espazo de almacenaxe e non aportaban valor engadido en Dozón en canto á diversificación do tecido empresarial e xeración e consolidación de emprego.


“O obxectivo do viveiro de empresas non é que haxa empresas que poidan conseguir espazo loxístico ou de almacenaxe a un prezo moi por debaixo do mercado; o obxectivo é favorecer o emprendemento e a consolidación de novos proxectos que creen e consoliden postos de traballo no noso concello”, explicou o alcalde.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page