Dozón presenta o luns a liquidación de conta máis elevada da súa historia, de 2,4 millóns de €
- ecosdacomarca
- 26 feb 2023
- 1 Min. de lectura
O orzamento inicial de 2022 incrementouse nun 55% e a liquidación ao remate do
exercicio aumentou un 8% respecto á do ano anterior
Ecos da Comarca/Dozón
O goberno local de Dozón dará conta no pleno ordinario convocado para o vindeiro luns ás 13:00 horas da liquidación do exercicio de 2022, que será “a máis elevada da historia do concello” e que ascende a 2.472.672,98 euros. Esta cifra é un 8% superior á liquidación do exercicio de 2021 e representa un incremento dun 55% respecto ao orzamento inicial de 2022, aumentando os recursos municipais en 900.000 euros.

“Os preto de 2,5 millóns de euros da liquidación son a cifra máis alta da historia de Dozón e supoñen un total de 2.405 euros por habitante”, avanza o alcalde, Adolfo Campos. O rexedor salienta que “estas cifras constatan a gran capacidade de xestión do goberno local para conseguir fondos doutras administracións” e tamén “a contención do gasto corrente”, o que fai posible destinar o 49,3% do gasto a investimentos, concretamente 1,21 millóns de euros, orientados fundamentalmente á mellora das infraestruturas municipais.
Entre os investimentos máis destacados figuran a rehabilitación da casa consistorial (450.000 euros), máis de 300.000 euros no mantemento da rede viaria, a rehabilitación
da Cámara Agraria, a construción do segundo viveiro de empresas e a construción da
pista multideporte. A estas actuacións hai que engadirlle os proxectos acometidos por
outros organismos, destacando por parte da Xunta de Galicia a rehabilitación do
mosteiro de San Pedro de Vilanova (300.000 euros) e a pavimentación do acceso ao
núcleo de Vilarello.
Pola súa parte, entre os proxectos da Deputación de Pontevedra destaca a pavimentación da estrada Sisto-As Maceiras e outras vías provinciais.
Comments