Pode anotarse todo o alumnado do colexio da localidade e é gratuíto
Laura Moure/Dozón
O vindeiro luns, 26 de abril, comeza o servizo Dozón Concilia, que pon en marcha o Concello de Dozón a raíz dunha petición formulada pola Ampa do CEIP Pío Cabanillas ao alcalde nunha reunión. Trátase dun servizo voluntario ao que pode apuntarse todo o alumnado do colexio e que é totalmente gratuíto, xa que está financiado integramente polo concello.
Dozón Concilia desenvolverase de luns a venres, en horario de 16:00 a 18:00 horas, ata finais deste curso e probablemente teña continuidade nos meses de xullo e agosto cos campamentos de verán. Ademais, en función da súa acollida, o goberno local baralla a posibilidade de repetilo ao longo do vindeiro curso. Terá lugar no albergue municipal.
Para o desenvolvemento deste servizo de conciliación o Concello de Dozón contratou á empresa + Escola, que destinará dúas monitoras tituladas para organizar os grupos burbulla e coordinar cada sesión da seguinte forma: unha primeira hora de reforzo escolar e apoio ao estudo e unha segunda hora para diferentes actividades cada día.
Inscricións
Para formalizar a inscrición é necesario recoller no Concello o sobre coa documentación que é preciso cubrir marcando os servizos nos que se apunta ao neno/a e a adxudicación da praza comunicarase posteriormente vía telefónica.
コメント