top of page

Dozón pon en servizo un punto limpo móbil grazas a unha axuda da Xunta de case 70.000 euros

Foi un dos 31 municipios de menos de 3.000 habitantes que se beneficiou en 2021 desta liña de subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda


Laura Moure/Dozón

O concello de Dozón xa ten en funcionamento un novo servizo de punto limpo móbil grazas a unha subvención da Xunta de Galicia por un importe de case 70.000 euros. A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaron hoxe este municipio, que foi un dos 31 concellos beneficiarios ao abeiro da orde convocada en 2021 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para axudar aos concellos de menos de 3.000 habitantes a adquirir este tipo de instalacións.


Neste sentido, a directora xeral explicou que o obxectivo da Xunta é contribuír a mellorar e ampliar a xestión dos residuos especiais de competencia municipal co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización na Comunidade, ao tempo que se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas urbanas e en espazos naturais.


23 puntos limpos móbiles

Así, lembrou que só ao abeiro da convocatoria do ano pasado 31 concellos galegos recibiron o apoio da Consellería para poñer en marcha un total de 23 puntos limpos móbiles. De feito, cun límite de 70.000 euros para as solicitudes individuais e de ata 100.000 cando se trata dunha agrupación de municipios, as axudas da Xunta cubriron nalgún caso o 100% do custo do material adquirido para implantar este servizo.


No caso concreto de Dozón, Sagrario Pérez explicou que a Consellería concedeulle 69.756,50 euros ao Goberno local, o 100% da contía solicitada, que grazas a estes fondos adquiriu unha caixa/contedor con oito zonas de reciclaxe para diferentes tipos de materiais; unha furgoneta portante; e unha pequena grúa para facilitar a instalación e recollida da instalación polas diferentes parroquias do municipio. Tamén dedicará parte da subvención á realización dunha campaña de difusión e sensibilización.

Ademais, cómpre lembrar que o ano pasado Dozón implementou o seu sistema para a recollida separada dos residuos urbanos ao incorporar contedores específicos destinados á recuperación de envases de plástico, latas e briks e de papel-cartón. Neste sentido, a posta en marcha do punto limpo móbil municipal supón un paso máis para a mellora da xestión dos residuos de orixe doméstica neste concello, xa que lle permitirá seguir avanzando cara á media galega de taxas de reciclaxe.





Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page