top of page

Dozón e Silleda participan esta semana do programa “+Convivencia” da Deputación

Consiste en saídas que ofrece ás entidades a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación


Laura Moure/Deza

394 persoas de oito entidades diferentes da provincia poderán desfrutar esta semana de saídas ao abeiro do programa “+Convivencia” da Deputación de Pontevedra, que ofrece ás entidades a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación. Trátase de asociacións de oito concellos (Vigo, Dozón, Pontevedra, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Baiona, Ponteareas e A Guarda) que descubrirán lugares como as comarcas do Morrazo e do Salnés, a ría de Vigo ou Vilaboa, entre moitos outros.


Publicidade

Preme na imaxe se queres saber máis deste evento.

En concreto, as saídas desta semana arrancarán este mércores, 12 de xuño. 55 persoas da Asociación Veciñal Praza da Miñoca de Vigo poderán desfrutar da actividade “Coñecer O Morrazo” mentres que outras 55 da Asociación Avelaíña de Axuda ás Persoas con Problemas de Saúde Mental (con usuarios de Baiona, A Guarda e Ponteareas) visitarán as Illas Cíes. O sábado 15 de xuño haberá tres saídas diferentes. Por unha banda, 50 persoas da Asociación Son das Flores de Vigo pasarán unha tarde en Vilaboa e o lago Castiñeiras, que rematará cun concerto no Chiringuito Deilán; outras 50 persoas da Asociación de Desenvolvemento Social Ruliñas de Dozón visitarán o Centro de Interpretación da Conserva e coñecerán o pasado industrial do Salnés, e 23 persoas da Asociación Amizade de Pontevedra realizarán unha saída náutica pola ría de Vigo.

Xa o domingo 16 de xuño será a quenda de 54 persoas da AVCD de Cabral de Vigo que visitarán o mosteiro de Armenteira, o cemiterio e a igrexa de Santa Mariña de Dozo, O Grove e realizarán un paseo en barco. Ademais 55 persoas da Asociación Cultural Festa dos Callos de Silleda desfrutarán dunha xornada de convivencia polas Rías Baixas e, por último, 52 persoas da Asociación Veciñal e Cultural San Martiño de Rebordelo de Cerdedo-Cotobade pasarán un día nas Illas Cíes.


O programa provincial “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. O programa provincial oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page