O novo ramal entre a autovía e a N-525 evitará que os veciños teñan que ir ata Piñor para incorporarse á autovía cara a cidade das Burgas
Laura Moure/Dozón
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que na primavera os veciños de Dozón e da contorna disporán do novo acceso á autovía AG-53 en sentido Ourense grazas a un investimento da Xunta de máis de 1 millón de euros. Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Dozón, Adolfo Campos, supervisou este venres estes traballos para dotar dun novo acceso á autovía AG-53 en sentido Ourense, favorecendo os desprazamentos cara á cidade das Burgas, pois actualmente nese municipio só existe un enlace para entrar nesta vía de alta capacidade en dirección Santiago.
Trátase dun novo ramal de conexión entre a autovía da Xunta e a N-525, que fará máis cómodos e seguros os desprazamentos, xa que evita que os veciños de Dozón teñan que desprazarse ata Piñor pola estrada nacional para incorporarse á autovía cara a Ourense. O enlace comeza no quilómetro 275 da estrada nacional, ao pasar o núcleo do Castro, onde se empraza a Casa do Concello e os principais equipamentos.
A intervención inclúe unha ampliación do carril de vehículos lentos, cruzando a AG-53 a través do paso inferior que hai na autovía para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía pola marxe dereita en sentido Ourense. A actuación completarase coa drenaxe, a instalación de valla de cerramento e sinalización, balizamentos e defensas no novo ramal.
Ethel Vázquez detallou que estas obras, que comezaron a finais de setembro avanzan segundo o previsto. Concretou que os traballos previos, de despexe, roza e demolicións, están avanzados, cun grado de execución do 75%. Sinalou que na actualidade se está a avanzar na drenaxe, coa execución da arqueta onde desaugarán as augas pluviais procedentes das escorrentías da zona. Xa se colocou o colector de formigón prefabricado para conducir as augas pluviais do novo ramal. Prevese que este mes de novembro se finalice xa a drenaxe transversal e poder avanzar na escavación en desmonte e nos recheos en terraplén.
A día de hoxe están a traballar nove máquinas na zona, pero adiantou que cando as obras collan ritmo estarán traballando uns 30 operarios e 15 máquinas. A conselleira lembrou que o proxecto tivo en conta as achegas formuladas no período de participación pública para facilitar e garantir a accesibilidade á granxa que hai nas proximidades. Neste sentido, habilitouse un camiño de servizo, que discorrerá paralelo á autovía pola marxe dereita, manténdose a entrada á estrada nacional en dirección Ourense. A nova vía entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo. Tamén, co fin de que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo construirase unha glorieta, mantendo o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa e á estrada nacional.
Entrada e saída á autovía
A conselleira tamén recordou que a Xunta está a avanzar na redacción do proxecto para completar os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía. Indicou que o ramal de saída da AG-53 no alto de Santo Domingo permitirá que os vehículos que veñan de Ourense poidan saír en Dozón.
Fixo fincapé en que a Xunta tamén vén de demandar unha mobilidade máis económica na autoestrada estatal AP-53, que completa a conexión entre Ourense e Santiago, pois é unha vía cunhas das peaxes máis altas e sen ningún tipo de bonificación. Avanzou que nas próximas semanas se prevé ter pechado o estudo do impacto que suporá levar á AP-53 as bonificacións que se aplican na AP-9, para abordalo cos Concellos e dar traslado ao Ministerio.
O obxectivo é que se poida introducir vía emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 unha partida para bonificar as peaxes da AP-53.
Kommentarer